A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou a potencialidade de Galicia no sector da castaña, tanto na súa produción como na transformación. Fíxoo durante unha visita ás instalacións da empresa Alibós Galicia, no concello lucense de Monterroso, á que sinalou como todo un referente no procesamento deste froito na nosa comunidade, o que contribúe de forma significativa á xeración de valor engadido.
Neste sentido, Gómez destacou nesta visita, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, a importancia de potenciar a transformación e a comercialización dos produtos agroalimentarios. Así, fixo referencia á liña de achegas específica impulsada con este obxectivo, das cales foi beneficiaria Alibós Galicia.
María José Gómez destacou tamén a importante capacidade produtiva da empresa lucense e puxo en valor a súa orientación internacional, xa que arredor do 92 % das súas vendas están destinadas á exportación.
IXP Castaña de Galicia
A conselleira lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun selo de calidade específico para este froito, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia; o que pon de relevo a importancia desta produción. Gómez sinalou que este distintivo está constituído como unha ferramenta de diferenciación, que garante a trazabilidade e a calidade do produto final.



