A Deputación da Coruña ten aberto o prazo para solicitar as axudas do Plan de Emprego Local (PEL) de 2027. O goberno presidido por Valentín González Formoso dota esta nova convocatoria do PEL cun orzamento inicial de 8,66 millóns de euros para que as pemes, as microempresas e as persoas autónomas dos concellos rurais da provincia poidan contratar persoal, manter postos de traballo, modernizar os seus negocios e facer fronte a gastos fixos. O prazo de solicitudes remata o 18 de decembro ás 14.00 horas e a tramitación realizarase exclusivamente a través da plataforma SUBTeL da Deputación.
“O PEL constitúe un dos principais programas dentro da estratexia da Deputación da Coruña para impulsar e fortalecer o tecido empresarial dos pequenos concellos, fomentar a creación de emprego e axudar ás persoas autónomas e ás pequenas empresas a consolidar e facer medrar os seus negocios”, destacou González Formoso.
As catro liñas de subvencións do PEL son compatibles entre si. As empresas e as persoas autónomas que cumpran os requisitos de todas elas poderán recibir ata 48.900 euros. Para facilitar o acceso de novos negocios ao programa, a Deputación mantén o criterio de dar maior puntuación ás empresas que non recibiron axudas do PEL en edicións anteriores.
As convocatorias prevén a posibilidade de incrementar as dotacións orzamentarias iniciais, polo que estes 8,6 millóns poderían ampliarse.
Ata 12.000 euros por de axuda por contratación
A liña PEL-Pemes para Creación e Ampliación de postos de traballo conta con 3,5 millóns de euros para apoiar as novas contratacións de pemes, microempresas e persoas autónomas en concellos de menos de 20.000 habitantes. As axudas cubrirán ata o 60 % dos custos salariais e de Seguridade Social, cun máximo de 12.000 euros por contrato a xornada completa.
A través de PEL-Pemes Mantemento, a Deputación destina outros 1,2 millóns de euros a dar continuidade aos contratos indefinidos formalizados ao abeiro das axudas PEL-Pemes deste 2026. A contía máxima será de 10.000 euros por posto de traballo e poderá chegar aos 11.000 euros no caso das persoas pertencentes aos colectivos vulnerables recollidos nas bases.
Ata 17.500 euros para modernizar os negocios rurais
A liña PEL-Emprende Investimento, dotada con 2,76 millóns de euros, diríxese ás pemes, microempresas e persoas autónomas dos concellos de menos de 10.000 habitantes. As axudas financiarán ata o 70 % do investimento na compra de maquinaria, mobiliario, aplicacións e equipos informáticos directamente vinculados á actividade do negocio, cun máximo de 17.500 euros por persoa ou entidade beneficiaria.
Ata 8.400 euros para cotas e alugueiros das persoas autónomas
A liña PEL-Autónomos/as conta con 1,2 millóns de euros para axudar ás persoas autónomas dos concellos de menos de 10.000 habitantes a sufragar as cotas á Seguridade Social e o alugueiro de oficinas, locais comerciais e centros de traballo. O apoio ao alugueiro, incorporado este 2026, mantense nesta convocatoria cun máximo subvencionable de 500 euros ao mes. A axuda anual poderá alcanzar os 8.400 euros.


