PUBLICIDADE

300 ciclistas participarán na segunda proba da Transgalaica que se celebrará este domingo en Ames

PorCrónicas da Comarca

Venres, 14 Marzo 2025
É o noveno ano consecutivo que se disputa esta competición en Ames

O concello de Ames acolle un ano máis a segunda proba do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2025. Este domingo, 16 de marzo, será a novena ocasión na que o concello acolla este evento deportivo, unha das citas con maior repercusión no mundo do ciclismo no noroeste español. Esta proba, organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay (Transgalaica), conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 32 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces, facendo así en total unha proba de 64 quilómetros. Na proba están inscritos un total de 301 ciclistas.

Un ano máis, o circuíto de bicicleta de montaña Transgalaica pasa por Ames, na que é xa a novena cita consecutiva desta proba no noso concello, sen contar o paro de 2021 por mor da situación epidemiolóxica provocada pola Covid. A carreira, que se celebrará este domingo 16 de marzo, é a segunda das cinco que conforman o calendario da Transgalaica 2025. A primeira etapa celebrouse o pasado 2 de marzo en Cerdedo-Cotobade e contou coa organización do Monteferro Bike Club.

PUBLICIDADE

Os 301 ciclistas inscritos nesta edición terán que dar dúas voltas a un circuíto de 32 quilómetros completando un percorrido de 64 quilómetros e que conta cun desnivel de 1.501 metros. Por motivos loxísticos e de seguridade, establécese un control de paso no quilómetro 33 da proba. Os/as participantes que non pasen por el antes de 2 horas e 10 minutos deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que “sempre é un orgullo que se celebren estas probas deportivas en Ames, sabemos que teñen unha gran aceptación. Pecháronse finalmente as listas de inscrición con 300 persoas, un número moi bo de participantes. Agardamos que os ciclistas que gocen dunha boa mañá deportiva, que o tempo acompañe e que desfruten do que Ames lles pode ofrecer”.

A proba dará comezo ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Aguapesada, seguindo por Lamas, ata chegar ás instalacións do Real Aeroclub de Santiago en Piñeiro, o Monte San Marcos e Ventosa. Dende aí volverase ata Bertamiráns por Aldea Nova. Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 10:49 e a segunda sobre as 12:03 horas. Antes, dende as 8:00 horas, comezará a entrega de dorsais na propia zona do Pazo. Así mesmo, a entrega de premios terá lugar a partir das 14:00 horas.

Unha das principais novidades deste ano será a incorporación adicional dunha carreira sprint, na que o seu resultado computará puntos para a clasificación xeral absoluta da Transgalaica. Só puntuarán os primeiros 25 clasificados en pasar pola liña de meta na primeira volta.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.