O Concello de Cabana de Bergantiños vén de impulsar durante os últimos días unha acción relativa ao muralismo e á difusión cultural deste tipo de ámbito artístico. Non é a primeira vez que dende o municipio se promoven estas creacións artísticas. Así, desde este venres 23 de maio, a praza do Pendón conta cun novo atractivo que é a obra que Leandro Lamas estivo realizando coa colaboración inestimable da rapazada do CPI As Revoltas.
Durante a mañá do venres, o alcalde da localidade coruñesa, José Muíño, participou no acto inaugural do mural e quixo agradecer “tanto ao artista como a toda a rapazada a súa implicación para que poidamos ver o resultado que hoxe contemplamos aquí. É marabilloso e xa forma parte do patrimonio inmaterial de Cabana de Bergantiños”.

A composición, feita entre o artista e os rapaces e rapazas, está versada na igualdade, na relevancia de poñer en valor que só a acadaremos se todas e todos, xuntas e xuntos bogamos en favor dunha sociedade libre de machismo.



