PUBLICIDADE

Vimianzo acolle os días 6 e 7 de xuño o I Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte ‘Alza Voz de Muller’

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, María José Pose, e a deputada de Emprego, Rosa Ana García durante a presentación Alza Voz de Muller

Está habilitado un espazo no que se convida ás participantes a co-crear o evento compartindo as súas propias experiencias.

O I Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte “Alza Voz de Muller” converterá a Vimianzo no punto de encontro para mulleres de diferentes lugares do noso territorio nacional que lideran empresas e dirixen proxectos. O obxectivo será reflexionar, aprender, inspirar e impulsar novas formas de liderar, emprender e desenvolver as súas traxectorias profesionais.

O evento, cofinanciado pola Deputación da Coruña e o Concello vimiancés, terá lugar os días 6 e 7 de xuño na Casa da Cultura do municipio coruñés. O programa contará, durante estas dúas xornadas, con varias mesas redondas e dous relatorios de alto nivel co propósito de que entre todas as participantes se desmonten mitos e barreiras culturas. As conversas xirarán arredor do diñeiro, do poder, do éxito e do liderado, co obxectivo de crear alianzas, redes de apoio e proxectos conxuntos entre todas as asistentes. Polo momento, está confirmada a participación de numerosas mulleres influentes en distintos eidos como: María Fornet, Yolanda Domínguez, Obdulia Taboadela, Laura Sagnier, Carlota Corzo ou Carmen Lence.

PUBLICIDADE

Deste xeito, no momento da presentación do foro, a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, puxo en valor que este é un espazo “de reflexión, de coidado e para construír unha rede de impulso e de recoñecemento. Este foro é unha aposta institucional clara pola igualdade, polo liderado feminino e pola xeración de redes de apoio e sororidade entre mulleres profesionais e emprendedoras”.

Dende a organización convídase ás mulleres participantes a co-crear o evento relatando as súas experiencias.

Por iso, habilitouse un espazo de participación activa no que as mulleres profesionais e emprendedoras están chamadas a co-crear o evento a través do relato das súas propias experiencias. Non se trata só de asistir, senón de formar parte. De alzar a voz e ser parte activa dunha iniciativa creada por e para elas.

Neste contexto, desde a organización do evento convidan ás mulleres a compartir historias reais, imperfectas e valentes e enviar eses relatos persoais que falan de esforzo, aprendizaxe, desafíos, caídas e logros. “Trátase de que coñezamos todas esas historias que nacen da experiencia individual de cada quen, pero que son, ao mesmo tempo, colectivas e transformadoras. Porque o persoal tamén pode inspirar, abrir camiño e facer comunidade”, aseguran.

As experiencias pódense enviar a través de mensaxe directa na conta de Instagram oficial do evento (@alzavozdemuller) ou por correo electrónico ao enderezo comunicacion@alzavozdemuller.com. A participación está aberta a todas aquelas que sintan que teñen algo que contar, un proceso que compartir ou unha vivencia que poida facer eco noutras mulleres e que permitan coñecer eses momentos de liderado que marcaron un punto de inflexión; os éxitos que chegaron tras un gran esforzo; as decisións que implican riscos e cambios; os obstáculos que obrigan a traballar o dobre para ser valoradas igual; as reflexións que nacen dun tropezo, etc.

Así, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, María José Pose, ten definido este Foro como un lugar no que “construír xuntas novas narrativas sobre o que supón ser muller” e destacou que é “profundamente transformador que isto se faga aquí. Non en Madrid, non en Barcelona, non nun gran auditorio dunha capital. Senón na Costa da Morte, en Vimianzo, no rural, no noso territorio”. 

Ademais de compartir experiencias a través do relato, todas aquelas que queiran asistir poderán adquirir as entradas para este evento a través da páxina web https://alzavozdemuller.com/

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.