O VimiVerán 2025 divídese en catro quendas con diferentes actividades pensadas para todos os gustos. As preinscricións poderán facerse do 10 ao 17 de xuño de maneira telemática ou na Casa da Cultura do concello coruñés.
O Concello de Vimianzo impulsa, un ano máis, un programa repleto de actividades para os campamentos ‘Vimiverán’ 2025, cos que se busca favorecer a conciliación familiar.
O programa vaise dividir en catro quendas que albergarán diferentes actividades pensadas para todos os gustos: dende astronomía a cociña pasando polo deporte e a aventura.
A primeira de elas realizarase do 23 de xuño ao 4 de xullo cunha temática moi especial: o Asalto ao Castelo de Vimianzo. Está dirixida a nenos e nenas nados entre o 2013 e o 2022 e hai 100 prazas dispoñibles.
A segunda quenda será do 7 de xullo ao 24 de xullo, para nenos e nenas nados entre 2013 e 2022. Neste período haberá dúas posibilidades, o VimiAstronomía, centrado na astronomía e as ciencias para a orientación e recoñecemento do ceo, para o que hai 65 prazas; ou o VimiDeporte, no que desenvolverán dinámicas lúdico deportivas enfocadas ao achegamento da rapazada ao coñecemento, coidado e respecto do medio ambiente, reciclaxe, etc. Conta con outras 65 prazas dispoñibles.
Mentres, a terceira rolda desenvolverase do 28 de xullo ao 14 de agosto. Nesta ocasión, os rapaces e rapazas terán a posibilidade de converterse en cociñeiros e cociñeiras no VimiCheff, co que poderán practicar e adquirir coñecementos de técnicas culinarias básicas. Está dirixido á rapazada nada entre 2013 e 2019 e conta con 20 prazas dispoñibles. Esta quenda inclúe unha nova posibilidade de participar no VimiDeporte, para nenos e nenas de entre 2013 e 2022, con 90 prazas habilitadas.
Por último, a cuarta quenda terá lugar do 18 ao 29 de agosto. Haberá unha nova edición do VimiCheff (20 prazas) e do VimiDeporte (70 prazas).
O VimiVerán, unha proposta lúdica para que os rapaces e rapazas poidan aprender xogando, desenvolverase de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas. Ademais, en Vimianzo ofrecerase un servizo de madrugadores, para aqueles casos nos que sexa necesario para favorecer a conciliación laboral e familiar, en horario de 8:00 a 10:00 horas.
As persoas interesadas poderán presentar a súa preinscrición tanto de maneira telemática ou na Casa da Cultura desde o día 10 ata o 17 de xuño. Terán preferencia as persoas empadroadas no municipio coruñés.
O sorteo de prazas terá lugar o mércores 18 de xuño, ás 12:00 horas, na sala de conferencias da Casa da Cultura. A partir de aí, o xoves e venres, días 19 e 20 de xuño, serán os días hábiles para formalizar a matrícula e o pago.
O prezo estipulado é de 50 euros por quenda.
VimiAventura nas parroquias
Ademais das diferentes posibilidades ofertadas en Vimianzo, tamén se establece a posibilidade de levar aos campamentos ata as parroquias, sempre que se acade un mínimo de 20 persoas inscritas.
Están dirixidos a nenos e nenas nados entre 2013 e 2022 e realízanse tres quendas:
1ª quenda: do 7 ao 24 de xullo
2ª quenda: do 28 de xullo ao 14 de agosto
3ª quenda: do 18 de agosto ao 29 de agosto



