PUBLICIDADE
Centos de espectadores asistiron ao pavillón municipal de Cabana para a clausura do curso deportivo

Os espectadores acudiron á clausura das actividades deportivas para gozar das exhibicións de ximnasia rítmica, patinaxe artística, fútbol sala, baloncesto, deportes de raqueta, aeróbic e atletismo.

O pavillón municipal de Cabana de Bergantiños encheuse na tarde do venres 30 de maio para presenciar un dos días máis sinalados para o deporte cabanés: a clausura das escolas deportivas.

Os deportistas da localidade deron mostra do aprendido ao longo de todo o curso nunha ampla variedade de modalidades deportivas entre as que se inclúen a ximnasia rítmica, a patinaxe artística, o fútbol sala, o baloncesto, os deportes de raqueta, o aeróbic e o atletismo.

PUBLICIDADE

Desde o goberno local do municipio coruñés celebran que un ano máis “poidamos recoñecer o gran traballo realizado polos e polas pequenas deportistas de Cabana, así como a dedicación dos mestres e mestras que os acompañaron ao longo de todo o curso”. Sinalase tamén que “a ampla oferta deportiva ofertada desde o Concello segue a gozar dunha gran resposta por parte da veciñanza xa que este ano foron 342 os rapaces e rapazas que participaron nas actividades deportivas”.

As rapazas de ximnasia rítmica puxeron a guinda coa súa actuación durante o acto de clausura

Ademais do peche do curso deportivo,a programación de clausura das actividades municipais continuará ao longo da fin de semana. O sábado, ás 18:30 horas no mesmo pavillón municipal, terá lugar a despedida de curso da Escola Municipal de Bailes de Salón e Ritmos Latinos, cunha mostra do traballo desenvolvido durante o ano.

E para rematar, o domingo ás 18:00 horas toca trasladarse ao Auditorio Municipal, onde se celebrará o peche do curso da Escola Municipal de Música J.M. Álvarez Canto, cun acto que reunirá ao alumnado e ás súas familias arredor da música.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.