O Concello de Antas de Ulla remata as obras de mellora da iluminación do campo de fútbol do municipio, o Castro Seoane.
Esta actuación, moi reclamada pola Sociedade Deportiva Antas de Ulla, que fai uso do espazo, permitirá evitar sancións por parte dos organismos reguladores das diferentes categorías nas que xoga o club, ademais de facilitar o xogo. Cambiáronse os focos das catro torres do campo cun investimento de 18.000€ que contou coa colaboración da Deputación provincial de Lugo.
“Para nós é moi importante realizar esta mellora, pois a SD Antas de Ulla favorece o acceso ao deporte da veciñanza dende a infancia” sinala a alcaldesa da localidade, Pilar García Porto. A rexedora sinala que “o club conta con 10 categorías dende biberóns ata sénior, tamén con equipos femininos, que son un referente a nivel comarcal e provincial”. García Porto aproveitou a ocasión para visitar as instalacións xunto a Nuria Louzao, presidenta da Sociedade Deportiva Antas de Ulla e xogadora do equipo de fútbol feminino.
Esta actuación súmase ás melloras realizadas nos vestiarios das instalacións e no equipamento deportivo con financiamento da Consellería de Deportes da Xunta de Galicia, cun importe de arredor de 50.000€. Tamén ás do suministro de auga quente e fontanería nas mesmas, financiadas integramente polo Concello cun total de 9.622€.
Ademais, realizouse unha actuación nas piscinas municipais que garantiu que estas estivesen en funcionamento nas dúas últimas anualidades, despois de estar totalmente abandonadas. Nela o concello investiu 11.000€.
Finalmente, tamén se realizaron nos últimos anos melloras eléctricas por 1.650€ e no peche perimetral do campo por 2.000€ a cargo do Concello. En total temos uns 92.000€ de investimentos en instalacións deportivas nos últimos anos. “Dende o Goberno municipal seguiremos traballante para levar a cabo novas melloras nas diferentes instalacións deportivas de Antas de Ulla”, conclúe García Porto.