PUBLICIDADE
As catro alcaldesas da Costa da Morte; Mónica Rodríguez, Margarita Lamela, Sandra Ínsua e Áurea Domínguez; xunto con María Barral, alcaldesa de Betanzos, e Rocío López, concelleira de Igualdade en A Laracha foron as encargadas de abrir a segunda xornada do I Foro de Liderado Feminino no Rural

Ao longo da xornada do sábado tiveron lugar varias mesas redondas e relatorios nos que se abordaron cuestións como o liderado feminino na política, a independencia económica ou as lousas que sosteñen as mulleres.

A segunda xornada do I Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte ‘Alza Voz de Muller’ arrincou coa intervención da artista local Tania Caamaño na mañá do sábado 7 de xuño. Un foro que reúne a 120 mulleres de diferentes puntos da comunidade galega co propósito de facer redes e compartir un espazo no que expoñer experiencias propias así como analizar os retos aos que se enfrontan as mulleres nos diferentes ámbitos.

Así, as catro alcaldesas da Costa da Morte; Mónica Rodríguez, Margarita Lamela, Sandra Ínsua e Áurea Domínguez; xunto con María Barral, alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta executiva da FEGAMP; e Rocío López, concelleira de Igualdade en A Laracha; foron as encargadas de abrir a xornada nunha mesa redonda na que analizaron os retos e os desafíos cos que se atopan no seu día a día pola condición de ser muller.

PUBLICIDADE

Todas coincidiron na importancia que teñen os valores que lles transmitiron e a unión con outras mulleres poñendo enriba da mesa a necesidade de crear máis encontros entre políticas co fin de poder compartir experiencias.

O día continuou co relatorio de Yolanda Domínguez, que centrou a súa intervención en expoñer aqueles tabús aos que se enfrontan as mulleres, como, por exemplo, a relación co diñeiro. Baixo o título ‘As mulleres facturan’ abordou cuestións como a autonomía económica, a cultura do diñeiro e a importancia de romper coa idea de que o diñeiro non é cousa de mulleres.

De seguido, a nota de humor da mañá chegou da man de Teté Teatro, que a través dun sketch reivindicaron as realidades cotiás as que fan fronte moitas mulleres. O grupo local serviu de antesala para a intervención de Laura Sagnier, activista pro-equidade que acuñou o termo ‘lousa de formigón’. Precisamente, durante o seu relatorio centrouse nese gran peso que teñen que soster moitas mulleres.

Destacar que o foro Alza Voz de Muller, organizado polo Concello de Vimianzo en colaboración coa Deputación da Coruña, ofrece tamén espazos no que as participantes poden conectar e facer redes entre elas. A pausa para o almorzo e networking é un dos exemplos.

A xornada continuou, pola tarde, con outras dúas mesas de diálogo e un relatorio da man da psicóloga, mentora de negocio e escritora María Fornet. Iso foi ás 16:30 horas. Sen embargo, antes, ás 15:30, houbo unha mesa redonda na que se analizaron os mitos, crenzas e mandatos de xénero no ámbito laboral e no emprendemento. Nela participaron Obdulia Taboadela, profesora titular da UDC e experta en mercado de traballo e estudos de xénero; a propia María Fornet e Yolanda Domínguez. 

Tras o relatorio de María Fornet, o I Foro concluiu cunha mesa de diálogo final na que baixo o título ‘Redes, alianzas e poder colectivo’ se afondou sobre a importancia de tecer redes entre mulleres profesionais e emprendedoras para transformar realidades. En el, Gema Domínguez, xestora de comunicación de Coca-Cola Europacific Partners; Tamara Conesa, orientadora laboral e representante da Fundación Mulleres; Isolina Raña, presidenta da Asociacion de Empresarias Rurais; e Manuela Gómez, representante de Executivas de Galicia, foron as protagonistas.

Para rematar, a artista Rocío Caamaño foi a encargada de pechar este I Foro “Alza Voz de Muller”. 

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.