O Concello de Antas de Ulla, a través da Biblioteca Municipal, puxo xa en marcha unha serie de cinco obradoiros de Filosofía para Nenos/as dirixida á cativada de 4 e 5 anos, enmarcada nas actividades dos clubes de lectura da biblioteca.
Estas sesións desenvolveranse na propia biblioteca nos vindeiros días en horario de tarde, de 16:30 a 17:15 horas. Durante estas xornadas, traballarase con diversas dinámicas adaptadas á idade dos asistentes, utilizando contos, xogos e outras actividades interactivas que fomenten o pensamento crítico e creativo.
Os talleres comezaron no día de onte, 25 de marzo, contando cunha grande acollida por parte dos cativos e cativas. Continuarán hoxe, día 26, e mañá, día 27, e tamén nos días 1 e 2 de abril.
Estarán coordinados pola profesora de Filosofía e veciña do concello Patricia Coucheiro González, que, a través dunha metodoloxía dinámica e participativa, traballará cos nenos e nenas habilidades esenciais para a práctica filosófica, como a imaxinación, o diálogo e o pensamento reflexivo.
Os pequenos e as pequenas participantes terán a oportunidade de explorar ideas, compartir as súas opinións e aprender a escoitar aos demais nun ambiente lúdico e enriquecedor.
A Filosofía busca promover non só o desenvolvemento cognitivo, senón tamén a empatía e a capacidade de análise, competencias fundamentais para a súa formación integral. Ademais, achega ferramentas para que a rapazada se exprese con claridade, desenvolva a súa creatividade e aprenda a cuestionar o mundo que nos rodea.
Con esta proposta, a Biblioteca Pública de Antas de Ulla reafirma o seu compromiso coa educación e o desenvolvemento intelectual dos máis pequenos, apostando por unha educación en valores e pensamento crítico dende a infancia