PUBLICIDADE

A Foliada de Melide chega á súa XVIII edición consolidada como unha das grandes citas do país coa cultura tradicional

A Foliada de Melide presentouse esta mañá na praza do Convento

A XVIII Foliada de Melide celebrarase durante a fin de semana do 26 e 27 de abril, traendo de volta esta referencia obrigada no panorama da cultura tradicional en Galicia. Un ano máis, Melide vive unha fin de semana de tradición, difusión da riqueza musical e participación cidadá.

O Concello de Melide presentou esta mañá o cartel e a programación completa do evento, nun acto onde ademais do alcalde, José Manuel Pérez, e o conxunto das e dos concelleiros do Goberno local, contouse coa presenza da artista Mercedes Peón, o gran nome da programación deste ano.

PUBLICIDADE

José Manuel Pérez fixo referencia durante o seu discurso á importancia da celebración do Día das Letras Galegas, que recoñece neste 2025 a figura das cantareiras e pandeireteiras da nosa tradición musical e oral. Salientou o rexedor o carácter referencial que durante dúas décadas ten acadado a Foliada de Melide, convidando a toda a veciñanza e aos amantes da cultura tradicional a encher as rúas de Melide durante a derradeira fin de semana de abril.

A Foliada de Melide iniciou a súa traxectoria no 2005, e desde entón foise consolidando como unha fin de semana anual cargada de actividades: feira de artesanías, certame de cantos de taberna, espectáculos de rúa, charlas, presentacións literarias, actuacións para cativos, exposicións, exhibicións de baile tradicional, obradoiros, pasarrúas, serán e concertos.

Trátase dun evento vinculado dende o inicio ao labor da cidadanía melidense, promotora do mesmo. Cada ano, preto de 50 persoas voluntarias colaboran activamente no desenvolvemento das actividades, recibidas sempre cunha participación e aceptación masiva por parte da cidadanía da vila.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.