A Xunta investiu case 300 millóns de euros en modernizar as infraestruturas
A Xunta de Galicia traballa para mellorar o benestar do alumnado nos centros educativos. É o principal obxectivo do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que puxo en marcha a Consellaría de Educación, Ciencia, FP e Universidades durante os anos 2021-2024. Incrementar o confort de alumnado e pro-fesorado, optimizar o consumo enerxético e dotar aos centros de espazos máis actuais, formaron parte tamén da folla de ruta deste Plan.
Para realizar as obras de rehabilitación e mellora dos colexios e institutos en Galicia a través desta iniciativa, destináronse máis de 278 millóns de euros. Un orzamento co que se modernizaron os centros para adaptalos ás necesidaes actuais, con espazos máis amplos, flexibles e mellor equipados.
O plan inclúe case 2.700 actuacións para mellorar as instalacións de escolas, colexios, institutos, centros integrados de FP e conservatorios dependentes do Executivo autonómico. Neste momento están rematadas, en execución ou licitadas o 98% delas, por un importe de máis de 229 millóns. O 2% restante xa está comprometido, de tal forma que boa parte xa contan con proxecto encargado ou en revisión para a súa próxima execución. O orzamento inicial para estas actuacións é de 49M€, cifra que se incrementará unha vez que os servizos económicos terminen de perfilar a intervención.
CONSTRUCIÓNS E NOVOS CENTROS E AMPLIACIÓN DOS EXISTENTES
Esta planificación comprende tanto obras de grande envergadura como a dotación de instalacións fotovoltaicas e as intervencións de pequena e mediana envergadura. As primeiras teñen períodos de execución de varios meses, de aí que as actuacións se desenvolvan en convivencia coa actividade escolar, algo no que a Consellería ten moita ex-periencia como demostra, por exemplo, a ambiciosa rehabilitación integral desenvolta no IES Valle Inclán de Pontevedra, a de maior importancia con case 5 millóns de euros. As obras de menor complexidade céntrase maioritariamente no verán, un momento no que se intensifica especialmente a actividade para aproveitar as vacacións do alumnado.
Como grandes obras inclúese a creación de novos centros, como a do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros (Ourense), o colexio do Milladoiro (Ames) ou o futuro Instituto IES Domingo Villar (Vigo). Estes dous últimos serán os primeiros centros educativos construídos de xeito íntegro baixo os parámetros do plan no que atinxe á accesibilidade, a flexibilidade e á relación coa contorna.
Cómpre salientar tamén as grandes ampliacións, casos que na súa meirande parte supoñen a construción de novos edificios e talleres. En concreto, a Xunta está a ampliar 43 centros de ensino cun investimento de case 68M€ para atender as necesidades de matrícula e de formación do alumnado. Están xa rematadas aos do institutos IES Sanxillao (Lugo, 1,8M€), IES Xesús Ferro Couselo (Ourense, 3,3M€) ou a do Centro Integrado de FP Carlos Oroza (Pontevedra, 2,8M€). Ademais, están xa en marcha outras de gran envergadura como a ampliación do Instituto IES Aquis Celenis (Caldas de Reis, 5,4M€) ou a do Centro Integrado de FP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa, 3,7M€).
INCREMENTO DA EFICIENCIA
Ademais, no marco do compromiso do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de avanzar na eficiencia enerxética dos centros educativos, as grandes obras inclúen tamén rehabilitacións integrais e as melloras sectoriais, estas últimas incluíndo cambios de cubertas, de luminarias ou de fiestras, principalmente. Todas elas están encamiñadas a mellorar o confort térmico e acadar destacados aforros no consumo de luz e calefacción.
Neste mesmo marco investíronse case 6,4M€ en dotar aos centros educativos de seis instalacións de biomasa e 62 fotovoltaicas. Neste apartado destaca a construción de dúas centrais de biomasa: a da mazá educativa de Lugo que abastece a diferentes centros educativos (2,2M€) e a do Colexio CEIP Xesús Golmar (Lalín, 1,1M€).
MÁIS DE 2.000 MELLORAS NOS CENTROS
A maiores, no período 2021-2024 executáronse 2.273 actuacións de pequena e mediana envergadura, orientadas a mellorar as instalacións dos centros e os seus servizos, e que van desde tarefas de pintado ata reformas de aseos, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización ou arranxos de patios, entre moitas outras.
Só ao longo deste verán se concentran 535 actuacións deste tipo nas catro provincias, por preto de 12,5M€, ao abeiro do Plan de Benestar e Accesibilidade na Escola (Plan BEN_Estar 2024). Trátase da contía máis elevada dos últimos cinco anos.
MÁIS DE 35 MILLÓNS INVESTIDOS NA PROVINCIA DE LUGO
Na provincia da Lugo investíronse en grandes obras máis de 27,5 millóns de euros nun total de 46 actuacións. Máis de 367 actuacións foron de pequena envergadura, pero necesarias para que o día a día nos centros educativos transcorra con todas as garantías, tanto para o alumnado como para o profesorado nas que se investiron 7 millóns de euros.
Para o aforro enerxético destináronse 387.000 euros en 14 actuacións e aínda quedan por executar outras 6 actuacións por importe de máis de 1,1 millóns de euros.