PUBLICIDADE

Éxito do programa Xogade coa participación de máis do 60% da rapazada galega

Esta edición número 16, mantén as 16 modalidades deportivas escolares

A convocatoria do programa Xogade (Xogos galegos deportivos en idade escolar) da Xunta, para o curso 2024/25, no que será a súa décimo sexta edición mantén as 16 modalidades na actividade deportiva escolar e as 39 federacións adheridas.

Este programa -que naceu na tempada 2009-2010 co obxectivo de promover a práctica da actividade física e deportiva e a apropiada utilización do lecer entre a poboación en idade escolar ao abeiro do Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia- segue medrando en participación e xa acada o 60% de todos os escolares galegos inscritos, segundo os datos de finais da tempada 2023-2024 cando se contabilizaron preto de 148.000 escolares (147.740) de entre 6 e 16 anos dos 249.332 que hai en Galicia, o que supón un crecemento do 10% con respecto á campaña anterior. En total estes 148.000 escolares sumaron 184.509 participacións: 110.219 participacións na actividade deportiva federada e 74.290 participacións en actividade deportiva escolar.

PUBLICIDADE

Un ano máis, o programa Xogade continúa apostando pola inclusión, adaptando todo o que sexa necesario para garantir a participación de todas as persoas incluíndo as que teñan algunha diversidade funcional. Esta igualdade non só se consegue grazas a inclusión das persoas con diversidade, senón tamén en cuestión de xénero. A actividade deportiva escolar foi realizada na tempada 2023-2024 por un 52% de nenos e un 48% de nenas.

MODALIDADES DEPORTIVAS

No que respecta á oferta, as disciplinas convocadas no marco da actividade deportiva escolar son atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, cross, duatlón, encontros multideportivos, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo. Pola outra banda, as 39 federacións deportivas galegas que están dentro do Xogade serán este ano: atletismo, bádminton, baile deportivo, baloncesto, balonmán, béisbol e sófbol, birlos, boxeo, caza, ciclismo, deporte autóctono, esquí náutico, fútbol, halterofilia, hípica, hóckey, judo e deportes asociados, karate e disciplinas asociadas, kickboxing e muay thai, kung-fu, loita e disciplinas asociadas, motociclismo, natación, orientación, pádel, petanca, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tríatlon e péntatlon moderno, voleibol, xadrez e ximnasia.

SEGURO 6-16 GRATUITO

A Xunta mantén a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os menores de entre 6 e 16 anos participantes, unha medida na que Galicia é pioneira, así como do transporte e a participación nas actividades. Favorécese así o acceso ás actividades de escolares de toda a xeografía galega coa colaboración das 31 agrupacións deportivas escolares que este pasado ano viron incrementado o importe dos seus convenios para a compra de material. No caso da actividade federada, tamén se sufraga un seguro deportivo de 6 a 16 anos para apoiar o deporte de base e a promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables.

Deste xeito, o pasado a Xunta aprobou a contratación pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, dunha nova póliza de seguro colectivo para cubrir os riscos derivados da práctica deportiva, con motivo da participación no programa Xogade, tanto nas actuacións do ámbito federado como do escolar, en favor dos compoñentes do colectivo asegurado no período 2024-2026. En total, a póliza ten un valor de 6,24 millóns de euros ata 2026, isto é, as tempadas 2024-2025 e 2025-2026, cunha prima anual media de 3,12 millóns de euros, un 45% máis que a prima media anual de 2,15 millóns correspondente a 2024.

Con todo, o gasto anual do programa Xogade na tempada 2024-2025 ascende a preto de 4 millóns de euros repartidos en: 3,12 millóns de euros para o seguro deportivo escolar, 450.000 euros para o contrato de transporte para os escolares que participan no Xogade, 180.000 euros os convenios coas agrupacións deportivas escolares e algo máis de 40.000 euros para outros gastos organizativos. 

PROPOSTAS EDUCATIVAS

Xunto coa actividade deportiva escolar, o programa Xogade ofrece outras propostas como Coñece o meu club, para facilitarlles aos centros educativos que se poñan en contacto coas entidades da súa contorna; Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD), encamiñado a aumentar a actividade física saudable dos escolares; Xogando coa auga e co vento, que dá cabida a proxectos cos que achegar os escolares galegos á natureza a través de deportes acuáticos; Xogos tradicionais e populares, a prol do seu arraigo na poboación escolar; así como actividades de promoción de escalada e piragüismo-dragóns entre outras modalidades deportivas, tradicionais e urbanas que se poderán incorporar ao longo da tempada.

As entidades escolares e deportivas que conten con equipos e estean interesadas en inscribirse no programa poden facelo ao longo do curso a través das webs www.xogade.xunta.gal e www.deporte.xunta.gal.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.