PUBLICIDADE
Publicidade

O Fondo de Cooperación Local acadará en 2025 os 168 millóns de euros

Visita polideportivo Cabana

A Xunta reforzará nos orzamentos para 2025 o compromiso coas entidades locais, ao aumentar en 10 millóns de euros a contía  do Fondo de Cooperación Local (FCL), que acadará os 168 millóns de euros. Destaca o incremento do fondo base do FCL, en concreto en 5,4 millóns de euros, que se repartirán entre os concellos de menos de 15.000 habitantes, que son os que teñen menos ingresos, os que máis dependen das transferencias doutras administracións e os que teñen menos capacidade de aforro.

Xa neste 2024 os concellos viron incrementado o apoio por parte da Xunta a través deste mecanismo co que Galicia garante por lei desde 2011 e de xeito pioneiro a participación mínima dos concellos nos orzamentos da Xunta.

PUBLICIDADE
Publicidade

No que se refire ao balanzo deste exercicio, tendo en conta o conxunto de medidas de apoio do Goberno galego ás administracións locais, entre as que están o FCL, a cifra global superou este ano os 600 millóns de euros, 38 millóns máis que en 2023, cando xa se rexistrara unha cifra récord.

No que se refire á Dirección Xeral de Administración Local, xunto ao Fondo de Cooperación Local engádense outras convocatorias como a Orde de infraestruturas de uso público (3,5 millóns de euros este ano), o Fondo de Compensación Ambiental (11 millóns de euros), a nova orde plurianual financiada con Fondos Feder a prol da eficiencia enerxética nas infraestruturas municipais (5,3 millóns de euros) e a orde de socorrismo (1,5 millóns de euros).

A través do FCL, a Xunta trata de compensar o desfase que ocasionan as particularidades dos municipios galegos como son a demografía ou a dispersión xeográfica. Por iso, o Goberno galego vén reclamando ao Executivo estatal a definición dun novo modelo de financiación autonómica que teña en conta as particularidades de cada territorio. 

 Dentro das liñas de colaboración do fondo adicional ao FCL deste 2024, a Dirección Xeral de Administración Local xestiona dúas, a primeira delas ten coma beneficiarios  aos concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes e  suporá actuacións en case un cento de entidades locais da comunidade. Trátase dunha convocatoria cun orzamento de 5 millóns de euros dirixida á mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais, con prioridade para as instalacións deportivas ou para servizos educativos, sociais ou sanitarios.

Por outra parte, a segunda das liñas de colaboración cos concellos financiada con cargo ao fondo adicional ao FCL  xestionada pola Dirección Xeral de Administración Local  dotada con case 8,5 millóns de euros, destínase  este ano a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico.

No marco desta medida, considéranse estratéxicos os proxectos nas infraestruturas locais que sexan fundamentais ou decisivos para a mellora dos servizos, para o desenvolvemento social ou para o equilibrio territorial e teñan repercusión no ámbito supramunicipal ou comarcal.

Tamén teñen esta consideración os investimentos en infraestruturas locais con transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito local ou comarcal, que incentiven o desenvolvemento empresarial ou que promovan o tecido comercial da zona, así como os que desenvolvan investimentos en infraestruturas previstos nun plan estratéxico aprobado pola entidade local.

En todo caso, o orzamento mínimo do proxecto debe ser de 500.000 euros e o financiamento da Xunta non superará o 50% do importe total, co límite de 700.000 euros por cada proxecto estratéxico.

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.