PUBLICIDADE

A xira por Galicia de Susana Travassos e Luiz Gabriel Lopes lévaos ata Muxía

Luiz Gabriel Lopes e Susana Travassos actuarán por primeira vez xuntos en Galicia

Entre o 22 e o 25 de maio, a cantora portuguesa e o músico brasileiro pasarán por Vigo, Ferrol, Ourense e o concello da Costa da Morte nesta primeira visita en dúo polo país.

Susana Travassos e Luiz Gabriel Lopes xirarán durante esta semana por Galicia. Un tour que levará aos artistas a 4 localidades, entre elas Muxía. Ambos estarán no concello da Costa da Morte o domingo 25 de maio. A actuación será no Camping LagoMar.

Nun mundo cada vez máis polarizado, onde as fronteiras se elevan e as diferenzas tenden a dividir, dous artistas de alma itinerante, Susana Travassos e Luiz Gabriel Lopes (LUIZGA), lémbrannos a importancia e a beleza que reside na diversidade como vínculo de unión.

PUBLICIDADE

Susana Travassos, nada en Faro, viviu no Algarve ata os 18 anos, pero axiña viu o mundo como o seu escenario. Desenvolveu a súa carreira dun lado e doutro do Atlántico e fusiona diferentes latitudes onde o fado, o jazz, as cancións portuguesas e latinoamericanas se unen para crear un son único. Susana sempre mantivo unha actitude de investigación. Xunto a diferentes compositores, o acordeón e a súa voz, que encanta pola súa claridade e intensidade, atopou na música unha maneira de liberarse das fronteiras, tanto xeográficas como culturais. O seu traballo máis recente, Pássaro Palavra, reflicte esta procura constante da verdade e da liberdade artística, expresando a profunda conexión que sente cos demais, xa sexa en Lisboa, Vila Real de Santo António, São Paulo ou Bos Aires.

Susana Travassos fusiona diferentes estilos cunha música que consegue liberarse das fronteiras

Mentres, Luiz Gabriel Lopes, coñecido como LUIZGA, natural do interior de Minas Xerais, trae consigo unha profunda inmersión nas raíces brasileiras, pero non se limita a elas. A súa carreira musical, marcada pola creación de bandas como Graveola e Rosa Neon, está feita de viaxes constantes, atravesando non só o Brasil, senón tamén o mundo. Ao longo da súa carreira, actuou en máis de 20 países, levando consigo a súa guitarra e unha voz que transmite unha mestura de afecto e enerxía vibrante. A súa música, que mestura samba, ijexá, maracatu e outros sons auténticos, fala unha linguaxe universal que transcende as fronteiras nacionais. Nos seus proxectos máis recentes, como o álbum AIÊ (2023), en colaboración co portugués Edgar Valente, ou o traballo co pobo indíxena Huni Kuin, reafirma que, na súa arte, non hai barreiras, só a celebración da diversidade.

Luis Gabriel Lopes válese da súa guitarra e a súa voz para facer da música unha linguaxe universal

Xuntos, Susana e Luiz Gabriel forman unha alianza que representa o aspecto máis fermoso do intercambio cultural. Non son só portugueses ou brasileiros: son cidadáns dun mundo onde a música é a lingua universal que os une, máis alá das fronteiras xeográficas, culturais e sociais. Nas súas viaxes, atoparon nas súas diferenzas a fonte da súa inspiración e, en cada novo encontro co outro, unha nova experiencia de aprendizaxe e unha nova posibilidade de ser.

Neste encontro musical único, Susana Travassos e LUIZGA convídannos a celebrar a música como ponte entre o diverso, lembrándonos que a lusofonía non é só unha cuestión lingüística, senón unha verdadeira forza de conexión e comprensión. En tempos de distancia e división, ofrécennos un espazo onde as fronteiras se disolven ante a beleza da arte, e onde a música se converte nun punto de encontro para todos.

O seu espectáculo lévaos o 22 de maio ao Museo do Mar de Galicia en Vigo, o día 23 ao CS Artábria de Ferrol. Mentres, o 24 estarán na Arca de Noé de Ourense e para rematar chegarán a Muxía, ao Camping LagoMar o domingo 25 de maio.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.