Iniciativa coa que o concello, xunto a 9 municipios máis, celebra o Día dos Océanos para que escolares dende infantil a bacharelato fortalezan o vínculo co mar e aprendan a relacionarse mellor coa súa contorna.
Por quinto ano consecutivo os escolares da provincia da Coruña participan no proxecto deportivo-educativo ‘Aprende a través do Surfing’,desenvolto pola asociación medioambiental sen ánimo de lucro Surf and Clean en colaboración coa Federación Galega de Surf. A iniciativa tamén conta co apoio da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia (Xogade), Ecovidrio, MSC Pesca Sostible e tamén dos concellos onde se realizan as actividades.
Camariñas é un dos 10 municipios que apostan por preservar o mar dende a educación dos seus estudantes a través desta iniciativa xunto a A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Santa Comba, Vimianzo, Zas, Muxía, Fisterra e Valdoviño que grazas ó seu apoio fan posible a participación no proxecto de máis de dous milleiros de escolares da provincia coruñesa.
Así, os rapaces e rapazas, dende infantil a bacharelato, que participan neste proxecto aprenden a relacionarse mellor con elas e eles mesmos, cos demais mozos e mozas e o máis importante: coa súa contorna. Precisamente, un dos obxectivos clave do programa é fortalecer o vínculo co mar, e valorar a contorna tan prezada que hai en Galicia, xa que ademais pode presumir de ter máis quilómetros de costa e ser un paraíso natural de ondas e praias salvaxes aínda preservadas.
Neses areais, o alumnado pecha os ollos e escoita, ule e sinte o mar. Así, é máis sinxelo decatarse que a praia é un lugar antigo, dinámico e que se comparte con outros seres vivos, como os arroaces, as pillaras ou os bosques de laminarías. Un entorno a preservar.
Por iso, dende o mes de abril máis de 2.300 escolares procedentes de 42 centros educativos pertencentes a 20 municipios da provincia coruñesa, están a apañar refugallo das praias e aprenden a conectar e coidar o mar a través do surfing.

Aprende a través do surfing en Galicia
Aprende a través do surfing é unha comunidade conformada por unha asociación sen ánimo de lucro nomeada Surf and Clean que, xunto coa Federación Galega de surf, ten 11 escolas de surf habilitadas para impartir o proxecto: Caión Surf House, Boaola Surf Escola, Art Surfcamp, Paua Surf, One Surf Academy, Ubuntulife, Surf Costa da Morte, Narea Surf Escola, Asolas no puntal, Zorlak surf escola e Valdo surf school, e, deste xeito, colabora con 42 centros educativos e 10 concellos da provincia da Coruña: A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Santa Comba, Vimianzo, Zas, Camariñas, Muxía, Fisterra e Valdoviño.
Aprende a través do surfing a nivel nacional desenvolvese tamén en: Andalucía, Illa de Menorca, Asturias e Castellón.
Surf and Clean é unha asociación nacional, con sede en Galicia, que busca visibilizar o problema que xera o lixo na mar e formar axentes de cambio que a través da cultura do surf axuden a mellorar e preservar a súa saúde.
Para os interesados e interesadas en obter máis información sobre o programa poden acceder a web www.aprendeatravesdelsurfing.com ou nas súas redes sociais @aprendesurfing (instagram), @aprendeatravesdelsurfing (facebook).
