PUBLICIDADE

Comeza a nova fase de obras no principal acceso a Lugo cun investimento de 1,3 millóns de euros

Un técnico explica ao alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e ao presidente da Deputación, José Tomé, a nova fase de obras na Av. Infanta ElenaUn técnico explica ao alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e ao presidente da Deputación, José Tomé, a nova fase de obras na Av. Infanta Elena

A Deputación permitirá así completar os 456 metros da Avenida Infanta Elena, cunha actuación que forma parte do proxecto para transformar a cidade nun lugar máis sostible, máis accesible e pensado para as persoas

A cidade de Lugo continúa a súa transformación urbana cara un modelo máis sostible, accesible e orientado ás persoas, grazas ao impulso decidido da Deputación de Lugo, que vén de poñer en marcha unha nova fase das obras na Avenida Infanta Elena, a principal vía de entrada e saída da cidade pola súa zona norte.

Esta nova actuación suporá un investimento de 1,3 millóns de euros, que permitirá completar os últimos 456 metros da avenida, entre a Glorieta de Garaballa e a de Benigno Rivera. Con este novo tramo, a Deputación culmina un ambicioso proxecto no que leva investidos 2,445 millóns de euros, e que abrangue a renovación integral dos 2,7 quilómetros de lonxitude da avenida, converténdoa nun acceso moderno, funcional e seguro, adaptado ás necesidades da cidade actual.

PUBLICIDADE

“Será un acceso espectacular, o mellor que vai ter a cidade de Lugo e onde máis falta fai pola afluencia de tráfico. Unhas actuacións que eu espero que estean rematadas nos meses de outubro ou novembro”, afirmou o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca, durante a visita institucional que realizou acompañado polo alcalde da cidade, Miguel Fernández Méndez, coincidindo co arranque das obras.

O novo tramo mantén o modelo xa implantado nas fases anteriores, cun deseño urbano que prioriza a seguridade e a mobilidade sostible. A intervención contempla dúas plataformas de calzada de 10,25 metros de ancho cada unha, que permitirán tres carrís de circulación por sentido, o que facilitará o tráfico fluído nunha das zonas con maior densidade de vehículos da cidade.

Ademais, incluirase un carril bici de tres metros de ancho, beirarrúas de máis de catro metros a ambos lados, e tamén mobiliario urbano moderno, árbores, zonas verdes e iluminación LED, favorecendo un espazo público máis amable, accesible e integrador para a cidadanía.

Outro dos puntos destacados do proxecto é a renovación completa das redes de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta as necesidades actuais e futuras da contorna, que podería acoller desenvolvementos urbanísticos máis adiante.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o alcalde Miguel Fernández durante a visita ás obras

“Esta era unha obra moi necesaria para ter unha cidade máis accesible, aberta e dinámica”, destacou o presidente provincial, incidindo na importancia desta actuación nunha área estratéxica da cidade, con gran peso comercial e industrial, pola súa proximidade a espazos como o centro comercial As Termas ou os polígonos industriais da zona.

Pola súa parte, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, puxo en valor o impacto positivo que esta obra terá para a cidadanía: “Estas obras significan seguir avanzando cara ese modelo de cidade que defendemos: un Lugo aberto, onde se gañan espazos públicos para a veciñanza, e onde se prioriza a seguridade tanto dos peóns como do tráfico rodado”.

O rexedor municipal agradeceu o compromiso da Deputación de Lugo cun investimento que permitirá dar un salto cualitativo en termos de mobilidade e calidade urbana: “O remate do desdobramento de Infanta Elena será clave para a mobilidade na zona norte da cidade. Agradecemos o compromiso, a sensibilidade e o esforzo inversor da Deputación nesta actuación”.

Con este proxecto, a Deputación de Lugo reafirma o seu papel como institución clave para o desenvolvemento sostible dos concellos da provincia. A aposta por infraestruturas modernas, seguras e pensadas para as persoas é unha das liñas prioritarias de actuación do goberno provincial.

O desdobramento da Avenida Infanta Elena é un exemplo claro de colaboración institucional e de investimento público transformador, que mellora non só a mobilidade e a conectividade da cidade, senón tamén a calidade de vida da súa veciñanza e das persoas que se desprazan diariamente pola zona.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.