A xornada, á que asistiu a alcaldesa Mónica Rodríguez, organizada polo Concello vimiancés para promover a cohesión social foi un gran éxito.
Case 1.200 veciños e veciñas de Vimianzo de máis de 60 anos participaron na mediodía do sábado 26 de abril na XXI edición do ‘Xantar dos Nosos Maiores’. Trátase de unha iniciativa organizada polo Concello buscando promover a cohesión social e o encontro entre as persoas maior idade do municipio.
Esta nova edición contou ademais coa presenza da alcaldesa, Mónica Rodríguez, e do resto de membros da corporación municipal. Tamén acudiron autoridades como a subdelegada do Goberno en A Coruña, María Rivas; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e a deputada de Política Social, Mar García Vidal.
A xornada deu comezo ás 12:00 horas coa apertura das portas do pavillón municipal, onde a Pasarela Big Band foi a encargada de recibir coa súa música ás persoas asistentes. Ás 12:30 horas tivo lugar unha misa cantada, na que participou a recoñecida artista local Irma Macías e o coral O Son do Val de Vimianzo.
No acto, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu a participación de todos os asistentes, aos que definiu como “a base da nosa sociedade, os alicerces sobre os que construímos o que somos hoxe” e destacou que este é un día para “compartir historias, que son un tesouro que estamos encantados de conservar e de protexer. Porque cada un dos pasos que destes, mesmo nos momentos máis difíciles, abriron o camiño para que os que vimos detrás poidamos andar con máis forza”.
A rexedora municipal concluíu agradecendo “o apoio incondicional da Deputación da Coruña” e “de todas as persoas que hoxe colaboraron para facer posible este evento, ao sacerdote, aos acólitos, ao coro, a Irma e a Javi… por facer deste día unha xornada inesquecible”. Do mesmo xeito, tamén deu as gracias polo esforzo e a dedicación absoluta de “todo o equipazo que compón o departamento de Servizos Sociais, e moi especialmente a Sandra Abeijón e a María José Pose, concelleira de Benestar Social”.

Pola súa parte, María Rivas, subdelegada do goberno, destacou todas as achegas que os nosos maiores fixeron á nosa sociedade e salientou que toda homenaxe é pouca para todo o que merecen.
Por último, o presidente provincial, Valentín González, destacou que “este xantar é un símbolo de recoñecemento, unha homenaxe, a todo unha xeración que se caracteriza polo esforzo incansable e que, agora, merece gozar de todo o logrado”.
Tras o xantar, pola tarde continuaron as actividades coas actuacións musicais de Irma Macías e Javi Solla, que animaron a sesión desde as 17:00 horas. Logo fíxose entrega dun agasallo ao señor e á señora de maior idade do municipio, como recoñecemento simbólico e emotivo. Tampouco faltou o tradicional sorteo de agasallos entre todos os asistentes.