O xornalista Xosé Luis López Vila foi o encargado de pronunciar o pregón da 34 Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, nun acto celebrado este mediodía no Cantón de San Roque no que tamén foi nomeado embaixador desta cita, xunto con Pilar López e ASETEM.
Saudou a peregrinos, turistas e visitantes nunha festa que, segundo remarcou “ten a intención máis loable: protexer, poñer en valor e recuperar os doces tradicionais desta vila de Melide. E está claro que os reposteiros o conseguiron. Agardamos que os establecementos perduren no tempo e que o relevo xeracional continúe con este valor cultural da gastronomía galega: o melindre”, precisou.
No seu discurso, o locutor da Radio Galega declarou sentirse “privilexiado e orgulloso” de ser o pregoeiro desta cita declarada de Interese Turístico Galego por estar ante a “cita gastronómica máis importante de Melide e da súa contorna”. Fixo un repaso pola súas orixes, como fillo de emigrantes galegos no País Vasco e recordou a gran cantidade de xente de Melide que atopou en Euskadi.
Destacou a importancia de que os mozos e mozas aposten polo rural, que sigan ou volvan ás aldeas para dinamizar o sector agrícola ou gandeiro ou aqueles que emprenden novos negocios para o desenvolvemento económico da súa contorna.
Ademais, reivindicou a importancia do Camiño de Santiago para Melide á que definiu como “unha vila única” pola “hospitalidade dos veciños, polo matrimonio inmaterial, o natural ou o gastronómico, que hoxe se exalta”. Recoñeceu que el mesmo aprendeu a facer un destes doces na casa de Casal de Riocobo, no Barreiro, coa axuda dos seus cuñados e cuñadas. “Levo sempre algún dos produtos desta terra para a miña casa”, engadiu.
Tamén valorou o feito de que Melide “é un dos poucos concellos que teñen vida os domingos e ocio nocturno”.
Pola súa banda, o alcalde da vila, José Manuel Pérez, referiuse ao Melindre como “tradición, identidade, cultura, sabor, artesanía e orgullo” e asegurou que ademais de todo iso “queremos que sexa futuro”. Avogou porque os doces de Melide perduren e “reinventen o seu potencial”, polo que comprometeu a impulsar “de xeito institucional non só a festa, senón a uns artesáns e produtores que co seu traballo manteñen viva unha tradición e levan o nome de Melide por todo o mundo”.


