O pleno da Deputación da Coruña aprobou onte, no marco dun expediente de modificación de créditos, unha partida adicional por importe de 65 millóns de euros para Plan Único (POS+2026), que se suman aos 88 millóns consignados inicialmente, elevando o investimento total ata os 153 millóns de euros.
A cifra supón un incremento de preto dun 11% respecto aos 138 millóns totais de 2025 e consolida o Plan Único como o principal instrumento de cooperación municipal de Galicia e unha referencia a nivel estatal pola súa dimensión, flexibilidade e impacto directo nas economías dos concellos.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “o Plan Único é hoxe a mellor ferramenta que teñen os concellos para garantir servizos, investir e planificar con estabilidade, especialmente nun momento de forte incremento dos custos”. Formoso subliñou que “estamos nun contexto marcado pola inflación, pola incerteza internacional e polo encarecemento da enerxía e dos servizos, e os concellos están asumindo máis gastos que nunca, polo que este plan resulta clave para darlles seguridade e capacidade de resposta”.
O presidente puxo en valor o modelo do POS+, baseado nun reparto obxectivo, transparente e equitativo dos fondos entre os 93 concellos da provincia, atendendo a criterios como a poboación ou a superficie de cada concello. Formoso lembrou ademáis que “son os concellos os que deciden libremente en que investir, en función das súas prioridades e do que precisa a súa veciñanza”, explicou.
Formoso advertiu de que “sen este apoio, moitos concellos terían serias dificultades para manter o nivel actual de servizos nun contexto de subida xeneralizada dos custos” e engadiu que “a Deputación está a facer un esforzo extraordinario para estar á altura das necesidades dos municipios, mentres outras administracións seguen sen reforzar o financiamento local na medida necesaria”. Neste punto, lembrou que “a Deputación da Coruña continúa a investir máis nos 93 concellos da provincia que a Xunta de Galicia nos 313 concellos galegos, e facémolo ademais con fondos que respectan plenamente a autonomía local”. Neste sentido, demandou o incremento do financiamento dos municipios por parte da administración autónomica e o seu reparto en base a criterios obxectivos e non en función de cores políticas.
O Plan Único mantén un reparto equilibrado en todo o territorio provincial, garantindo que todos os concellos, independentemente do seu tamaño ou localización, dispoñan de recursos suficientes para atender as súas necesidades e desenvolver proxectos que melloren a calidade de vida da veciñanza. Na comarca da Coruña, o investimento supera xa este ano os 36,2 millóns de euros, permitindo reforzar servizos e acometer actuacións nunha das áreas máis poboadas da provincia; na comarca de Santiago, o POS+2026 acada os 43,1 millóns de euros, a maior dotación por áreas, reflectindo o seu peso territorial e garantindo recursos para infraestruturas e servizos municipais; en Ferrolterra, Eume e Ortegal, o investimento supera os 28,6 millóns de euros, contribuíndo á mellora das infraestruturas locais e ao mantemento dos servizos nun territorio especialmente sensible aos cambios económicos; na comarca de Bergantiños e Costa da Morte, o plan mobiliza máis de 26,3 millóns de euros, permitindo avanzar na mellora das comunicacións e dos servizos básicos; e no Barbanza, o investimento acada os 18,6 millóns de euros, reforzando a capacidade dos concellos para atender as necesidades da veciñanza e impulsar o desenvolvemento local.
Formoso concluíu subliñando que “o Plan Único demostra que hai outra forma de facer política local, baseada na confianza nos concellos, na igualdade territorial e na resposta ás necesidades reais da xente”, e engadiu que “a Deputación actúa e garante que os concellos teñan recursos para seguir funcionando e mellorando”.


