O Concello de Muxía está a celebrar o seu particular Maio das Letras con unha programación moi diversa e variada que inclúe música tradicional, presentacións de libros, charlas, espectáculos… Un mes enteiro cheo de actividades coas que están a render homenaxe á poesía oral galega, a todas as cantareiras, e moi especialmente na memoria de Eva Castiñeira, veciña de Agranzón.
As actividades comezaron o sábado 3 de maio co espectáculo musical “Axudádeme a cantar” de Felisa Segade e Montse Rivera, ambas cofundadoras de Leilía. Celebrouse ás 20:00 horas no Salón do Voluntariado.
Este sábado 10 de maio, Muxía acollerá a mesa redonda “De Eva ás vellas de Mens”. Tamén terán lugar as presentacións dos libros “Cantareiras” de Xosé Manuel Varela e Icía Varela; e “As Vellas de Mens” de Xosé Manuel Fernández Pensado. Dará comezo ás 19:00 horas, tamén no Salón do Voluntariado.
Mentres, o domingo 11 maio será o momento de que salte á palestra Xabier Díaz con “Metendo as mans na terra”. Será ás 12:00 do mediodía no Salón do Voluntariado.
Por outra banda, o propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio, será o momento da andaina coa Ruta Abentiana por Muxía, da man da fundación López Abente. Sairase as 11:00 horas do monumento de Gonzalo L. Abente, na Cruz.
Ese mesmo día, pola tarde celebrarase o Serán das Letras. Comezará ás 18:00 horas no Cabo da Vila, e participarán a Coral Virxe da Barca, o Coro tradicional Xacarandaina, as Abaladeiras Muxía e a Pandeireta Xacarandaina. Ao remate das actuacións, haberá foliada libre
O 18 de maio a celebración trasladarase á aldea da cantareira Eva Castiñeira, Agranzón, onde se lle realizará unha homenaxe. Será ás 12:00 horas e participarán as Abaladeiras.
Por último, a programación pecharase o 24 de maio co concerto de Antía Muíño dende as 20:00 horas no Salón do Voluntariado.
Hai que destacar que todos os actos son de acceso libre até completar o aforo.