Manuel Adán, o alcalde de Santiso e o portavoz nacionalista de Vila de Cruces, Alex Fiuza convocan á veciñanza da zona, xunto coas deputadas Iria Carreira e Adriadna Fernández, para fixar as accións a levar a cabo para esixir a continuidade do servizo da barcaza de Portodemouros.
A cita será o vindeiro 5 de decembro, venres, ás 19h e ás 21h e o lugar en primeira convocatoria en Loño e en segunda en Beigondo.
Dende o BNG explican que “hai un aviso recente da suspensión de novo so servizo, e queremos informar dos pasos a seguir na loita para que a concesionaria cumpra co asinado no contrato, onde se comprometía a que o servizo se prestase os 365 días do ano durante as 24 horas do día”. Engaden que “sempre que se suspende este servizo a veciñanza está obrigada a facer un percorrido de 30 quilómetros para chegar dunha beira á outra e en cuestión de tempo duplica o da barca”:
Apuntan os nacionalistas que “ estas xuntanzas serán a previa de posibles concentracións veciñais en sinal de rexeitamento da suspensión do servizo, así coma un lugar de debate para próximas accións a tomar, expoñendo as distintas solicitudes de información rexistradas durante este mes. Así mesmo, trasladarase á veciñanza a posibilidade de que o asunto se trate novamente na comisión 2 do parlamento, relativa a infraestruturas, na que xa se acadara grazas a Mini Rivas, o acordo unánime de garantir o transporte entre as dúas marxes do encoro, feito que o PP deixou que se seguise incumprindo pola actual concesionaria, Naturgy”.


