PUBLICIDADE

Ence impulsa un proxecto de biofertilizantes e biometano en Xunqueira de Ambía aproveitando recursos agrogandeiros da zona

A instalación xerará aproximadamente un 90% de fertilizante orgánico e un 10% de gas renovable.

Ence, a través da súa filial galega Biofertilizantes e Biometano Sertogal Xunqueira, con sede social en Santiago de Compostela, reforza a súa aposta por Galicia co lanzamento dun novo proxecto industrial en Xunqueira de Ambía (Ourense). Da man do seu socio local Sertogal, a compañía promoverá e construirá unha innovadora instalación destinada á produción de biofertilizantes e biometano. Ence investirá ao redor de 25 millóns de euros na planta de Xunqueira, destinada a producir 25.000 toneladas anuais de biofertilizante sólido.

A instalación xerará aproximadamente un 90% de fertilizante orgánico e un 10% de gas renovable. A planta terá capacidade para valorizar 140.000 toneladas anuais de biomasa agrícola e gandeira. Empregarase materia prima de proximidade: só no municipio de Xunqueira prodúcense preto de 19.000 toneladas anuais de subproductos gandeiros, cifra que ascende a preto de 421.000 toneladas ao ano nun radio de 20 quilómetros.

PUBLICIDADE

INSTALACIÓN SEN EMISIÓNS DE CHEIRO

O proxecto impulsado caracterízase por un modelo de operación diferencial, deseñado para funcionar sen emitir cheiros. As materias primas almacenaranse en naves pechadas, os substratos líquidos en depósitos estancos e a instalación contará con tecnoloxía avanzada de filtración de aire. Así mesmo, evitarase o tránsito de camións por núcleos urbanos, minimizando o impacto na poboación. Adicionalmente, o proxecto favorecerá a desnitrificación de acuíferos, grazas á correcta valorización de estercos e xurros. En ningún caso aplicarase o digesto ao campo, senón que o proxecto incorpora unha planta de produción de fertilizante orgánico seco de alta calidade, sen emisións de nitróxeno amoniacal. Evítase desta maneira a contaminación por nitratos que pode producir a aplicación directa do digesto ao campo.

IMPACTO SOCIOECONÓMICO E XERACIÓN DE EMPREGO LOCAL

A planta supoñerá un importante impulso económico para a comarca. Durante a súa fase de operación, xerará ao redor de 80 empregos directos e indirectos, aos que se sumarán ata 150 postos de traballo na fase de construción. Ademais, Ence priorizará a contratación de empresas locais, reforzando o desenvolvemento económico e social da rexión.

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.