PUBLICIDADE

O Concello de Vilalba incorpora unha plataforma elevadora para mellorar os traballos municipais

PorCrónicas da Comarca

Luns, 10 Novembro 2025 ,
O investimento total ascende a 36.958,24.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o concelleiro de medio ambiente, Luis Fernández, asistiron á recepción dunha nova plataforma móbil elevadora que se incorpora á maquinaria municipal do Concello de Vilalba.

O investimento total ascende a 36.958,24 euros e a plataforma conta cunha altura de traballo de ata 16 metros, o que permitirá realizar con maior seguridade e eficacia diferentes labores en altura, como poda, mantemento do arbolado e actuacións medioambientais. A nova adquisición permitirá ademais traballar de forma combinada coa biotrituradora e co vehículo eléctrico polivalente adquiridos recentemente.

PUBLICIDADE

Así, por exemplo, a plataforma facilitará a poda, mentres que a biotrituradora triturará os restos in situ, que poderán cargarse no depósito do vehículo eléctrico polivalente. Deste xeito, o Concello optimiza os recursos municipais e avanza na modernización da súa maquinaria, co obxectivo de ofrecer un servizo máis eficiente, sostible e adaptado ás necesidades do día a día. A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “con esta nova adquisición seguimos mellorando os medios cos que contan os nosos traballadores municipais para facer o seu labor de forma máis cómoda e eficaz”. Ademais, subliñou que “cada nova incorporación de maquinaria supón un paso adiante na modernización dos servizos públicos e, polo tanto, na mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.