Xa están en marcha os traballos que completarán os 2,7 quilómetros do desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, nos que a Deputación de Lugo investiu un total de 2,445 millóns de euros desde a Glorieta do 25N. As obras avanzan coa instalación das beirarrúas nestes últimos 456 metros, desde a Glorieta de Garaballa á de Benigno Rivera.

Este novo tramo contará como os anteriores, cunha plataforma cun ancho de 32,5 metros, con dous ou tres carrís de circulación por cada sentido, carrís bici, beirarrúas, mobiliario urbano como bancos e papeleiras, e tamén arboredo. Ademais os traballos inclúen a renovación do abastecemento, saneamento e alumeado para dotar de servizos a un futuro crecemento da cidade.
Cando as obras rematen o cambio será visible xa que este acceso a cidade, nunha zona de gran peso comercial e industrial, pola súa proximidade ao centro comercial e aos polígonos industriais, que contará ademais con arborado, iluminación, novo mobiliario urbano e que se adaptará á perfección co desenvolvemento de futuros solos e cun modelo de cidade aberta.
PROXECTO DENDE A GLORIETA DE GARABALLA Á DE BENIGNO RIVERA
O proxecto, que conta cun investimento de 1,3 millóns de euros contempla o desdobramento e a humanización da Avenida Infanta Elena no treito comprendido entre a glorieta Garaballa de Arriba e á de Benigno Rivera. Este tramo, cunha lonxitude total de 456 metros, contará con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. Ademais, a marxe dereita dotarase dun carril bici cun ancho de 3 metros, e no caso das beirarrúas terán 4,05 metros de ancho a ambos lados, con árbores, iluminación, bancos e papeleiras.

Estes traballos tamén inclúen a renovación e dotación dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables.
As obras serán executadas pola empresa adxudicataria Ovisa Pavimentos y Obras SLU.



