PUBLICIDADE

Unións Agrarias rexeita unha PAC que “supoñería recortes para Galicia”

PorCrónicas da Comarca

Xoves, 17 Xullo 2025 , , ,

Unións Agrarias-UPA acolle “con enorme preocupación” o anuncio dun novo marco financieiro plurianual por parte da Comisión Europea que, na práctica, supón rematar coa PAC tal e como a coñeciamos. A organización agrogandeira rexeita frontalmente unha proposta que supón unha redución do 25% dos fondos que Europa destina ao sector produtor e que dilúe o peso dunha política esencial para agricultores e gandeiros e para o conxunto da cidadanía.

Un plantexamento que representa un xiro de 180 graos respecto ao compromiso que a presidenta da Comisión adquirira co sector produtor logo das mobilizacións de 2023, e ante a que a organización agarda “unha resposta contundente do Goberno e das forzas políticas”.

Unións Agrarias lembra que a redución do orzamento PAC que Europa pon sobre a mesa suporía recortes e poría contra as cordas a capacidade de Galicia para manter investimentos esenciais para a rendabilidade e a superviviencia de agricultores e gandeiros e o futuro do medio rural como son as axudas agroambientais e as destinadas a zonas con limitacións naturais, a produción en ecolóxico, modernización de explotacións, incorporación de mozos ou prevención de lumes e actividade forestal.

PUBLICIDADE

Unións Agrarias fai un chamamento para que os grupos políticos tomen parte ante un anuncio que o sector produtor e o medio rural non poden aceptar. E é que, tal e como se temía dende hai meses, a proposta anunciada pola Comisión non só recolle unha redución do orzamento europeo para a PAC: supón un desmantelamento desta política que inevitablemente xerará desigualdades entre os agricultores e gandeiros duns e outros países da Unión.

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.