O Concello de Vimianzo presentou a programación de Nadal deste ano, unha proposta cargada de actividades para todos os públicos. Baixo a idea dun Nadal que fará “brillar” Vimianzo, a programación inclúe múltiples propostas que encherán as rúas de vida, maxia e espírito festivo.
“Trátase dunha programación que reforza o noso compromiso coa cultura, o comercio local e a dinamización social, consolidando Vimianzo como un referente na Costa da Morte durante unhas datas tan especiais coma estas”, sinalou a alcaldesa, Mónica Rodríguez, que agradeceu a implicación “de todas as persoas que fan posible que hoxe presentemos unha axenda coma esta. Teremos actividades para gozar en familia, espectáculos para os máis pequenos, música… todo para vivir, un ano máis, un Nadal máxico”.
A concelleira de Cultura, Rosa Blanco, puxo en valor o Nadal como “un punto de encontro dos nosos veciños e veciñas, pero tamén dos centos de persoas que nos visitan. É unha oportunidade para fortalecer o tecido comercial e mostrar todo o potencial de Vimianzo, un lugar vivo, acolledor e repleto de emocións”.


