Tras o éxito da primeira excursión, o Concello de Cabana de Bergantiños decidiu repetir a experiencia. Así, unha segunda expedición de veciños e veciñas do municipio coruñés participou nunha nova saída promovida desde a casa consistorial á comarca do Morrazo e ao norte de Portugal.
Debido á gran acollida inicial desta proposta, o goberno local decidiu organizar unha segunda saída, que, ao igual ca primeira, levou ás persoas participantes a visitar as localidades de Bueu, Marín e Valença do Minho.
Durante a xornada, que comezou de mañá e rematou xa ben entrada a tarde, tiveron ocasión de coñecer o Museo Massó, en Bueu, e a fortaleza de Valença do Minho. Ademais de facer turismo, os e as excursionistas tiveron a ocasión de degustar un menú típico da gastronomía portuguesa.
