É un proxecto impulsado pola Deputación da Coruña que trata de dar visibilidade ao traballo artístico das compañías de danza locais.
O Concello de Vimianzo participará no programa Escora por primeira vez. Trátase dun proxecto da Deputación da Coruña nado en 2022 que pretende dar visibilidade ao traballo artístico das compañías de danza galegas, con accións de proximidade que presentan unha oportunidade de achegar a danza a espazos pouco habituais para esta disciplina artística.
Así, as actuacións programadas no municipio coruñés terán lugar en xuño de 2025, máis concretamente entre os días 6 e 8. A primeira actividade será o día 6 ás 11:30 horas con un obradoiro de danza impartido por Noel Quintela ao alumnado de 3º da ESO do IES Terra de Soneira. Ese mesmo día pero pola tarde, ás 20:00 horas, o propio Quintela impartirá outro obradoiro de baile aos adultos da Asociación Trubisquiña.
Para rematar, o domingo 8 de xuño, terá lugar unha foliada aberta ao público no Castelo de Vimianzo que contará coa actuación ‘Pensar a contratempo’, de Suevia Rojo, e ‘León’, de Noel Quintela. No caso do artista, esta é a mostra do proceso da residencia que realizará no propio concello. Os espectáculos darán comezo ás 12:30 do mediodía. En caso de choiva esta actividade realizaríase na Casa da Cultura.