No marco das Residencias Paraíso 2025 o bailarín, intérprete e creador galego traballou en Vimianzo, desde o pasado 21 de abril, na súa proposta Open Call. O sábado 3 de maio culminou esa estadía cunha mostra aberta do seu traballo en proceso.
O pasado 21 de abril, o bailarín, intérprete e creador galego Antón Yanguas iniciaba a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso. É este un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no territorio galego, promovido polo Colectivo RPM.
O artista facía a súa residencia particular na Casa da Cultura de Vimianzo, en torno á súa proposta que ten por título Open Call. Un proxecto en relación ao enfrontamento do artista coa súa autoexposición como imaxe fronte á súa propia obra: será que somos moito máis imaxe do que pretendemos?
Deste xeito, unha vez que finalizou a estadía da súa residencia artística, Antón Yanguas ofreceu unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que tivo lugar na mesma Casa da Cultura de Vimianzo. Este remate celebrouse este pasado sábado 3 de maio, ás 20.30h, cunha performance aberta ao público. Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.
A idea do proxecto Open Call
O proxecto Open Call nace do interese de Antón Yanguas, afincado entre A Coruña e Porto, por traballar en relación ao enfrontamento do bailarín coa súa autoexposición como imaxe fronte á súa propia obra. Boa parte do traballo nas artes escénicas non acontece no estudio, senón diante do ordenador, elaborando e presentando candidaturas que deben expresar o valor engadido desa obra para que poida levarse a cabo.
Partindo desta reflexión, o proxecto Open Call formula varias preguntas: non deberiamos entender o márketing que rodea ao traballo do creador doutra maneira? Porque é algo máis complexo que un simple “saber venderse”, xa que o márketing da imaxe é esa premisa desde a que se parte. O traballo nunca remata e sempre pode transformarse, mais das premisas hai que render contas. Entón, será que somos moito máis imaxe do que pretendemos?
Desde esta idea arredor do labor do bailarín, Antón busca desenvolver un proxecto no que plasmar un fondo desexo: amosar a súa singularidade e ser visto, expoñerse por completo, preguntándose se iso ten sentido para o interese do público. De que maneira facer viábel un concepto, unha imaxe na que se cre polo seu potencial, na que un creador se expón por completo? Como facerse entender naquilo que quere expresar intimamente, pero que ten que exteriorizar, que debe facer comprensible, e amosar algo que, con todo, nunca verá desde a posición do público? Como ser pura exposición, como entregar toda a súa imaxe ao público?
De toda esta exposición influída por diferentes fisicalidades, en Open Call xorde unha última pregunta e unha última incógnita na que o autor busca estar presente no que fai, independentemente das súas prácticas pasadas e referentes. Sería posíbel unha danza sen comentario? Quizais só converténdonos en pura imaxe poidamos descubrir algo máis alá diso, algo máis alá da danza como xuízo.

En que consisten as Residencias Paraíso?
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM (un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia) co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 euros, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias.
Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.