Mónica Rodríguez, a alcaldesa, felicitou “ao alumnado polas súas actuacións” e agradeceu “a resposta do público, como sempre comprometido e solidario”.
A escola teatral de adultos de Vimianzo recadou, esta pasada fin de semana, un total de 1.035 euros que doou integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC). O humor e a solidariedade xuntaron á veciñanza do municipio coruñés para colaborar nunha causa tan relevante como é a loita contra o cancro.
Para unha ocasión tan sinalada, o alumnado estreou o pasado sábado 31 de maio a iniciativa coa obra ‘Milagre no Convento’, que permitiu reunir boa parte da cantidade final recadada. O entusiasmo e o talento dos e das intérpretes fixo posible que a actuación do día seguinte, ‘Un alto no camiño’, tivese o mesmo éxito, superando así os 1.000 euros.
Unha vez coñecido o importe total, o Concello de Vimianzo fixo entrega da doazón á AECC, recoñecendo e agradecendo o labor esencial que desenvolve unha entidade como a súa. A alcaldesa da localidade, Mónica Rodríguez, felicitou aos alumnos e alumnas polas súas actuacións e sinalou que “é un orgullo contar cunha escola de teatro como a de Vimianzo, onde a solidariedade e o talento son notorios”.
A primeira edil finalizaba agradecendo “aos veciños e veciñas de Vimianzo, que sempre teñen unha actitude participativa e activa coas actividades que no Concello se realizan, especialmente aquelas de carácter solidario.”



