O programa, no que 59 rapaces e rapazas se familiarizaron co mundo marítimo, está dirixido aos centros educativos e participaron o CEIP O Areal e o CEIP Plurilingüe Ponte do Porto.
O pasado venres, 30 de maio, rematou unha nova edición de ‘O Mar na Escola’, o programa destinado a que os rapaces e rapazas teñan contacto co mar.
A iniciativa do Concello de Camariñas, que naceu hai xa 21 anos, pretende que os mozos e mozas que estudan no municipio coruñés accedan ao mundo marítimo a través de deportes náuticos, desfruten do mar e tamén alcancen unha concienciación de respecto co seu valor natural.
O programa vai dirixido aos alumnos de 5º e 6º de Primaria dos colexios CEIP O Areal de Camariñas e CEIP Ponte do Porto. En concreto, nesta edición participaron un total de 59 alumnos e alumnas, que probaron deportes como a vela ou o kaiak.
Así, realizáronse cinco saídas prácticas por grupo ao mar, co fin de adquirir uns coñecementos mínimos da navegación a vela, das mareas, dos ventos e das diferentes embarcacións. Previamente, antes de botarse ao mar, fixéronse clases teóricas nas aulas.
