PUBLICIDADE

O Concello de Vimianzo presenta unha nova edición do programa de andainas ‘Recunchos’

Vimianzo pretende dar a coñecer o patrimonio natural e cultural do municipio a través do sendeirismo co programa Recunchos

A iniciativa busca dar a coñecer o patrimonio natural e cultural do municipio a través do sendeirismo.

O Concello de Vimianzo segue coa súa aposta pola posta en valor do territorio cunha nova edición do programa de andainas ‘Recunchos’. Trátase de unha iniciativa coa que se busca fomentar o coñecemento do patrimonio natural, histórico e cultural do municipio coruñés a través de rutas de sendeirismo. 

Nesta ocasión, o programa ofrece catro propostas que se desenvolverán entre os meses de xuño e outubro. A primeira delas será o vindeiro 15 de xuño, cun percorrido de 11 quilómetros polas terras de Carantoña. Nesta andaina as persoas participantes camiñarán pola beira do río Grande, dende o merendeiro de Basandín ata Ponte do Porto, para logo remontar o curso do río ata o Pozo do Corvo.

PUBLICIDADE

A seguinte será o día 29 de agosto. Nesa data terá lugar unha das actividades máis singulares, xa que se trata dunha andaina nocturna para coñecer os petróglifos. Trátase dun percorrido circular de 4,4 quilómetros con saída e chegada na praza do Concello que será guiado por membros do colectivo A Rula. Durante a camiñada visitaranse o petróglifo de Somontemío, a Cruz do Loureiro e os do Prado da Cruz. A iluminación artificial permitirá observar estes gravados milenarios con todo luxo de detalles. Será imprescindible levar lanterna, roupa cómoda e calzado axeitado para o monte.

O programa proseguirá o día 20 de setembro coa andaina na que se darán a coñecer os segredos do Val de Vimianzo. A través de 14 quilómetros, este roteiro permitirá afondar na riqueza cultural e paisaxística do val, visitando núcleos con interesantes exemplos de arquitectura popular. Tamén se inclúe unha parada para coñecer algúns petróglifos descubertos recentemente grazas ao traballo de investigación realizado por David Roget. A andaina completarase desfrutando das vistas desde a Cruz do Loureiro e cun paseo pola ribeira do río de Cambeda.

Para rematar, o 4 de outubro terá lugar unha das andainas máis características: a visita aos Penedos de Pasarela e Traba. Esta ruta de 8 quilómetros permitirá aos participantes contemplar auténticas esculturas naturais esculpidas polo paso do tempo. Poderán coñecer, así, formas tan curiosas como a aguia, o cantor, o coello, a esfinxe ou a osa, entre moitas outras.

Todos os que queiran participar nas andainas deberán inscribirse previamente a través do formulario habilitado neste enlace: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScl6y73SsMTF0nsoVn5VG2R67RaxNaXo2-Sxvi61_5iumHAQw/viewform?usp=sharing

Hai que sinalar que as prazas para os roteiros son limitadas e as inscripcións pecharanse o xoves previo á celebración de cada unha das andainas. A saída de cada unha será as 9:30 da mañá e o remate estimado sobre as 14:00, salvo na ruta nocturna que comezará ás 21:00.

Dende o Concello sinalan que é recomendable levar comida, auga, roupa cómoda e calzado axeitado para a práctica deportiva. Os desprazamentos ata o punto de inicio de cada ruta correrán por conta das persoas participantes.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.