O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, fixo fincapé en Toques sobre o compromiso do Goberno co rural galego, onde inviste 23 millóns de euros para a súa conectividade a través da rede 5G. Este investimento corresponde á segunda adxudicación do Programa UNICO 5G Redes Activas, do Ministerio para a Transición Dixital e da Función Pública, que o delegado avanzou acompañado polo alcalde de Toques, José Ángel Penas, ao ser este un dos municipios que se benefician desta última convocatoria.
Pedro Blanco destacou o gran beneficio que esta segunda fase do programa representa para máis de 35.000 galegas e galegos que viven nun total de 181 concellos, todos eles de menos de 10.000 habitantes. Neles levaranse a cabo 391 actuacións de mellora nas infraestruturas da rede para adaptalas ás comunicacións 5G, ou ben de instalacións de outras novas no caso de ser necesario.
Pedro Blanco destacou que o Goberno, mediante programas coma este, aposta con forza por un rural vivo e con futuro, “no que quen é de aquí poda vivir aquí, achegando oportunidades e permitindo á veciñanza mirar cara ao futuro”. Implantando a rede 5G no rural, o Goberno propicia que os pequenos concellos atraian poboación, “unha meta na que estamos traballando, e con accións coma esta queda claro que estamos no bo camiño”. Deste xeito, o delegado sinalou que “o Goberno avanza cara unha sociedade máis xusta e adaptada ao progreso”.
Desde o 2019, o Goberno leva investidos 275 millóns na dixitalización de Galicia, facéndoa progresar e eliminando calquera fenda tecnolóxica no territorio. Esta liña de axudas está destinada totalmente a concellos de menos de 10.000 habitantes, para dotar ao rural das infraestruturas fundamentais para a vida cotiá.
COMPROMISO CON TOQUES
Na reunión que mantiveron, Pedro Blanco reafirmou a José Ángel Penas o compromiso que o Goberno ten con Toques. O alcalde trasladoulle varios proxectos en materia de vivenda pública, turismo e saneamento, que o delegado trasladará aos ministerios correspondentes “para seguir avanzando nos servizos para a cidadanía de Toques e afondando na colaboración deste concello co Goberno”.