O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde. No transcurso do encontro analizaron o avance dos proxectos que a Xunta executa neste concello ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para modernizar as instalacións educativas e adaptalas ás esixencias do século XXI, tanto a nivel eficiencia enerxética, como de versatilidade dos espazos.
Neste sentido, Román Rodríguez anuncioulle a licitación hoxe mesmo das obras comprometidas nos colexios CEIP de Celeiro e Plurilingüe Santa Rita. No primeiro dos casos, acometerase o cambio de carpinterías e a habilitación dun baño adaptado, cun orzamento de 320.000€. En Santa Rita executaranse melloras sectoriais cun investimento de 420.000€, unha actuación que inclúe melloras como cambio de carpinterías ou instalación de caixas de persianas, entre outras.
O conselleiro lembrou, ademais, que están comprometidas xa outras dúas actuacións en Viveiro. No que atinxe á ampliación do Instituto IES María Sarmiento, cun orzamento estimado de 1M€, estanse a pechar as necesidades para contratar o proxecto; mentres que xa está en supervisión o proxecto para o cambio de carpinterías no IES Vilar Ponte, por uns 225.000€.
No marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica elevarase ten xa rematadas en Viveiro actuación tan relevantes como a rehabilitación integral do IES María Sarmiento (810.000€) ou as melloras sectoriais na Escola de Educación Infantil EEI San Roque (302.000€).