O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Comercio, Formación e Emprego, Roberto Lojo, visitaron esta mañá o alumnado de carpintería do Obradoiro de Emprego Torre Goiáns IV que desenvolve o Concello de Boiro acompañados do seu director Ramón Caamaño.
O obradoiro que se está a desenvolver ten unha duración de 12 meses e nel fórmanse 20 alumnos/as traballadores nas especialidades de Instalación en elementos de carpintería e Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. O alumnado conta cun contrato de traballo para formación e aprendizaxe a tempo completo de 40 horas semanais mediante o que se forma de xeito teórico e tamén práctico.
O alcalde e o concelleiro visitaron esta mañá o taller de carpintería, situado no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira, no que realizan os traballos de mellora de cerramentos de madeira para o Pazo de Goiáns, mellora das pasarelas de madeira do Camiño A Orixe ao seu paso polas praias de Barraña, Carragueiros e Mañóns…
Para levar a cabo o Obradoiro de Emprego Torre Goiáns IV, o Concello de Boiro recibe da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia unha subvención por importe de 411.628 euros para desenvolver talleres duais de emprego.