A axencia Transmedia Comunicación celebrou o seu vixésimo aniversario cun acto no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, ao que asistiron máis de 300 persoas entre clientes, colaboradores e profesionais do sector. A xornada serviu para repasar a traxectoria da empresa e destacar o seu papel no ámbito da comunicación especializada no sector agrogandeiro. A presentación contou con intervencións de representantes de tres ámbitos estreitamente ligados ao desenvolvemento da axencia. Desde a empresa privada, Carlota López, presidenta do Grupo Aresa, destacou a profesionalidade e capacidade de adaptación do equipo. Por parte da administración pública, a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, puxo en valor a contribución de Transmedia á modernización da comunicación agrogandeira en Galicia.
Tamén se proxectou un vídeo enviado por Arsenio Escolar, presidente do Club Aberto de Editores (CLABE), asociación de medios de comunicación á que Transmedia pertence desde hai unha década.Estivo presente tamén a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde. Un dos bloques centrais foi a mesa redonda titulada “Comunicar para o sector produtor”, na que participaron Alfonso Riveiro (O Progreso), Pilar López (FrisonaEspañola), Ángel Pérez (Interempresas), Manuel Cruz (TVG), María Cedrón (La Voz de Galicia) e José ManuelGegúndez (Vaca Pinta).
Os relatores debateron sobre a cobertura do sector primario en medios xeneralistas e especializados, o impacto da dixitalización e o papel da comunicación na profesionalización do campo. Durante a segunda parte do acto estreouse o documental “Transmedia, un proxecto de equipo”, realizado polo propio equipo da axencia. A peza repasa a historia da empresa a través de entrevistas a unha vintena de clientes e colaboradores, e percorre os principais fitos destas dúas décadas: desde as primeiras colaboracións en prensa especializada ata a creación de cabeceiras propias e a ampliación de servizos audiovisuais. Entre os momentos destacados do documental atópase a fundación de Vaca Pinta en 2018, publicación que permitiu reforzar a presenza de Transmedia no sector grazas á difusión de contidos técnicos de forma accesible, así como a súa influencia na forma en que se comunica o traballo do sector vacún leiteiro.

O acto finalizou coa intervención do director da axencia, José Manuel Gegúndez, quen agradeceu o apoio recibido por parte de clientes, colaboradores e do propio equipo. Na súa intervención, repasou a evolución de Transmedia e destacou o seu crecemento internacional.
A axencia participa actualmente nas principais feiras do sector en Europa e conta cunha presenza consolidada en Portugal, onde Vaca Pinta distribúese de forma regular. Desde as súas orixes no viveiro de empresas da Fundación CEL en 2004, a axencia editou máis de 400 publicacións, producido máis de 8.000 vídeos e dado cobertura a máis de 500 feiras e xornadas técnicas.