A iniciativa, organizada desde o Concello, desenvolverase do 28 de xullo ao 8 de agosto e será impartida polo colectivo A Furna, que achegará todas as fases do proceso cinematográfico dunha maneira práctica, lúdica e participativa.
O Concello de Vimianzo anunciou a organización do obradoiro ‘Da idea á cámara’. Trátase de unha proposta formativa e creativa dirixida á mocidade entre os 12 e os 16 anos que ten como obxectivo achegar o mundo do cinema dunha forma práctica, lúdica e participativa.
A actividade desenvolverase do 28 de xullo ao 8 de agosto, de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Será impartida por A Furna, un colectivo con ampla experiencia na formación audiovisual.
Este obradoiro audiovisual celebrarase ao longo de 10 sesións intensivas, nas que as persoas participantes experimentarán todas as fases do proceso cinematográfico, desde a creación da idea ata a gravación final dunha curtametraxe colectiva. A proposta está deseñada para fomentar a expresión persoal, a creatividade e o traballo en equipo, sen necesidade de montaxe ou edición posterior.
Os que se inscriban aprenderán as bases da narración audiovisual e asumirán distintos roles dentro dun proxecto común. Deste xeito, preténdese estimular a cooperación e o respecto nunha contorna artística, fomentar a expresión artística e a imaxinación a través do guión, a caracterización e o deseño de escenas, potenciar a responsabilidade individual dentro dun proxecto colectivo e impulsar a confianza, a autoestima e o sentido do logro a través da creación, 100% propia, dunha obra común.
Dende a organización sinálase que as prazas son limitadas e as inscricións poderán realizarse de maneira telemática ou presencial na Casa da Cultura do municipio desde o 19 ao 30 de xuño. O prezo do obradoiro será de 50 euros.
O Concello de Vimianzo reafirma, así, a súa aposta pola formación e a creación de espazos que impulsan a participación activa da mocidade.