O Concello coruñés contou con un stand propio e un showcooking protagonizado polas súas dúas Festas de Interese Turístico.
Vimianzo estivo presente, un ano máis en FESTUR (Feira das Festas de Interese Turístico) promocionando o seu patrimonio, cultura e gastronomía. Montando un stand propio, as persoas visitantes puideron achegarse á riqueza histórica e cultural do municipio coruñés.
Ademais, o vimiancés Fabián Mouzo foi o encargado de realizar un showcooking no que puxo en valor as dúas celebracións recoñecidas como Festa de Interese Turístico: a Faguía de Carnés e o Asalto ao Castelo.
Durante a demostración culinaria, Mouzo elaborou dous pratos que encarnan o espírito destas festividades. Por unha banda, preparou os tradicionais callos da Faguía e, pola outra, sorprendeu ao público cun pincho irmandiño, cuxa característica principal é que só poden empregarse os ingredientes dispoñibles en Galicia na época da Revolta Irmandiña.
Nesta ocasión, a súa proposta incluíu fabas verdinas de Coristanco guisadas con caldo de carabineiros – responsables do seu sabor a mar e da intensa cor vermella – acompañadas dunha vieira á prancha e rematadas cun toque de po de oliva deshidratada.
