PUBLICIDADE

Vimianzo celebra as I Olimpíadas Sénior cos membros do programa Actívate Maiores de 60 anos

A I Olímpiada Sénior de xogos tradicionais chega a Vimianzo

Será este venres, 23 de maio, a partir das 10:00 horas na praza do Concello onde haberá probas variadas como a buxaina, o xogo da ra, tiracoios, sete e media, tres en raia, arrastra mortos e adiviñas.

A praza do Concello de Vimianzo converterase este venres 23 de maio nun espazo de xogo, convivencia e diversión coa celebración das I Olimpíadas Sénior, unha actividade organizada no marco do programa municipal Actívate Maiores de 60 anos. A competición comezará a partir das 10:00 da mañá.

Durante este curso, as persoas participantes nesta iniciativa dedicaron a primeira sesión de cada mes á práctica de xogos tradicionais. Como colofón a estes meses de aprendizaxe, celebrarase esta xornada na que os equipos das distintas parroquias competirán entre si por ver quen consegue máis medallas.

PUBLICIDADE

O programa inclúe probas variadas como a buxaina, o xogo da ra, tiracoios, sete e media, tres en raia, arrastra mortos e adiviñas. En cada un destes xogos outorgaranse medallas de ouro, prata e bronce ás mellores parroquias.

Para garantir o cumprimento das normas, contarase coa colaboración de traballadores e traballadoras municipais que exercerán de árbitros, e tamén haberá avituallamento para repoñer forzas durante a mañá.

Como recordo desta xornada tan especial, cada equipo gañador recibirá un premio conmemorativo para levar para a súa parroquia.

Que é o programa Actívate?

As Olimpíadas son unha xornada lúdica, de encontro, coa que se pon o broche de ouro ao programa Actívate, unha iniciativa do Concello destinada a promover a saúde integral das persoas maiores a través do exercicio da memoria, a atención, o razoamento, a orientación e, por suposto, tamén o xogo.

Desde o Concello de Vimianzo animan á veciñanza a achegarse ata o lugar para ver a competición e gozar dunha xornada diferente, chea de espírito deportivo e tradicional.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.