PUBLICIDADE

O Festival Rosalía, baixo o lema ‘Porque así somos’ leva a Mazarelos música, poesía e artes escénicas

O VIII Festival Rosalía celébrase esta fin de semana, na praza de Mazarelos, baixo o lema 'Porque así somos'O VIII Festival Rosalía celébrase esta fin de semana, na praza de Mazarelos, baixo o lema 'Porque así somos'

A programación da oitava edición do festival, que se desenvolverá este sábado e domingo principalmente na compostelá praza de Mazarelos, contará tamén con presentacións de libros, roteiro teatralizado, maxia ou obradoiros

O Festival Rosalía, que este ano suma a súa oitava edición, regresa a Compostela da man da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Santiago, nunha cita baixo o lema Porque así somos que tera como eixo central a praza de Mazarelos o sábado 21 e o domingo 22 de febreiro para conmemorar o 189º aniversario do nacemento da autora de Cantares gallegos e unha das figuras destacadas do Romanticismo e o Posromanticismo.

Nesta ocasión, a programación cultural e lúdica inclúe unha vintena de actividades como recitais, regueifas, presentacións de libros, concertos, obradoiros, teatro ou maxia, nun Día de Rosalía no que tamén se desenvolverán iniciativas para conectar á escritora nada na compostelá praza de Vigo con Begoña Caamaño (Vigo, 1964 – Santiago de Compostela, 2014), escritora, xornalista e activista homenaxeada este 2026 no Día das Letras Galegas.

PUBLICIDADE

O programa do festival arrincará na praza de Mazarelos mañá sábado ás 11:00 horas coa apertura da feira rosaliana, conformada por diversos postos de artesanía, libros, produtos ecolóxicos e de proximidade, así como tamén coa primeira quenda do obradoiro de maquillaxe con Sisel titulado A arte de Rosalía Pintado na cara. Xa ás 11:30 horas, Os Quinquilláns ofrecerán un paseo teatralizado polas rúas da zona vella para seguir a estela da escritora polos espazos composteláns que habitou. 

Ao mediodía, chegaralle a quenda a CeibaRimas. Trátase dun obradoiro de rap improvisado durante o que se mostra ao público diferentes formas de achegarse a esta disciplina. Realizarase, ademais, unha breve introdución partindo da tradición da regueifa.

Xusto ao remate, ás 13:00 horas, celebrarase a inauguración oficial desta oitava edición do Festival Rosalía. Nela intervirán Sol Agra, deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, e Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago. Ás 13:30 horas, será o momento de Blues do País, que coa súa música protagonizará a sesión vermú

Xa pola tarde, ás 16:45, Mazarelos acollerá Chan da Pólvora. Unha década de poesía necesaria, unha celebración dos 10 anos que fai o selo editorial. Ao redor desta conmemoración, reuniranse Antón Lopo, Manuel Martínez, Luís López Alonso, Ana Romaní, Paula Luís, Andrea Nunes e Nuria Vil

Ás 18:00 horas continuarán os versos con Contoesías: Contos e poesía. Este proxecto colaborativo e aberto, producido de forma conxunta entre o Festival Rosalía e o Festival Atlántica, xunta a Dores Tembrás, Yamini T. Prabhu, Carmen Conde e Sole Felloza. Neste encontro proponse unha deriva pola obra de Rosalía con perspectiva feminista, interseccional e crítica. E, contra as 19:30 horas, na mesma praza, teremos o espectáculo Improsalías, unha peza de improvisación, música, humor e poesía que ofrecerán os grupos As Teimas e TheMomento.

E para pechar a primeira xornada, a praza de Mazarelos recibirá a Loita Amada que presentará o seu terceiro disco, Resistir é Vencer, no que deleitarán aos asistentes cos seus novos sons, nun traballo que contou con colaboracións como Nuno de Grande Amore, o trikitilari Joseba Tapia ou Tanxugueiras.

Festival Rosalía, xornada dominical e peche desta edición

O domingo, a actividade reiníciase ás 11:00 horas, coa apertura da feira. Ás 11:15 horas, a compañía Producións Dispersas ofrecerá a intervención teatralizada Sempre Rosalía protagonizada por Ana Ponte e Diego Freire. Ás 12:00 horas, e logo tamén ás 16:30, o Colexio de Santo Agostiño acolle Primavera vai chegar, un espectáculo que mestura poesía e música nas voces de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero.

Entre as 12:00 e as 13:00 horas, de novo na praza de Mazarelos desenvolveranse varias presentacións de obras biográficas e literarias ao redor da escritora, autora dos libros Circe ou o pracer do azul (Galaxia, 2009) ou Morgana en Esmelle (Galaxia, 2012).

Os títulos que se presentarán, contando coa presenza dos seus autores e autoras, son: Os fíos de Begoña, de Eva Mejuto editado por Xerais; Circe ou o pracer da amizade, de Bea Maceda tamén publicado por Xerais; A nena que perdeu un zapato na lama, de Ramón Nicolás de Galaxia, e Begoña Caamaño: Pequena biografía, de Enrique Mauricio e Laia Edicións. Ao remate do acto, actuará a cantante Uxía.

Xusto despois, chegaralle a quenda á peza escénica Da voz de morgana. Un monólogo no que a actriz Mónica Caamaño ofreceralle ao público un monólgo de 15 minutos nos que se chanta o debuxo da MULLER que non foi relatado por cronistas e fabuladores. O programa pola mañá rematará con De tu casa a la mía, concerto que reúne ás 13:20 a Uxía, Javier Ruibal e o guitarrista Marcos Teira

Xa pola tarde, celebrarase a partir das 16:30 o Concurso Rosaliano para toda a familia conducido por Isabel Risco. Ás 17:30 horas será o concerto de Acordeireta e ás 21:00 horas, no Teatro Principal, o Mago Teto poralle o ramo ao Festival Rosalía co espectáculo Galegorock’n’ Magic

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.