A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, vén de anunciar o arquivo do expediente do proxecto Gama que Altri pretendía impulsar en Palas de Rei, a tavés da filial Greenfiber. Segundo a representante autonómica, a decisión xustifícase pola imposibilidade de conectar a planta á rede eléctrica.
“A caducidade do expediente vén determinada porque a empresa non pode xustificar a fórmula técnica no proxecto para a súa conexión”, explicou Lorenzana. “Estaba en mans do Ministerio de Transición Ecolóxica dar enchufe á compañía, mais se non existe a conexión con subestación, o proxecto queda arquivado”, sinalou.
A viabilidade do proxecto estaba vencellada á creación dunha subestación eléctrica para poder conectala á rede. Non obstante, a planificación eléctrica do Goberno central ata 2030 non contempla este investimento. “Se non consiguen entrar nesta planificación, e todo apunta a que non o farán, véxoo difícil”, explicou a conselleira.
Neste sentido, a Xunta comunicou á empresa portuguesa que conta con tres meses para presentar alegacións e xustificar a conexión. Porén, Greenfiber asegura estar estudando “diferentes opcións técnicas para a conexión á rede eléctrica independentemente da planificación futura de Rede Eléctrica Española”.
Lorenzana criticou a decisión do Goberno central por negar á provincia de Lugo as conexións eléctricas precisas para crear novas industrias. “Lugo queda absolutamente sen conexións para un proxecto industrial estratéxico”, abundou.
DECISIÓN DE CARÁCTER POLÍTICO
Pola súa banda, a empresa Greenfiber publicou un comunicado cuestionando a motivación. “A decisión da Administración central de excluír o proxecto Gama da planificación eléctrica ten un carácter político e non técnico”, asegurando que presentaron alegacións á planificación da rede, pero non obtiveron resposta por parte do Ministerio.
O Ministerio de Transición Ecolóxica indicou que a proposta de Planificación de Electricidade 2025-2030 realizouse seguindo criterios técnicos e que para atender a demanda de Altri habería que construírunha infraestrutura específica que, de non materializarseo proxecto, sería innecesaria.
Asemade, a decisión de arquivar o proxecto de Altri provocou reaccións nas distintas forzas políticas. No tocante ao BNG, Ana Pontón celebrou “un gran triunfo da cidadanía” e puxo en valor a capacidade da mobilización social para cambiar decisións de gran alcance.
No caso do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro asegurou que “a caída de Altri é un gran éxito para Galicia” e negou que o arquivo do proxecto deixe sen futuro industrial a Lugo.



