PUBLICIDADE

Rueda reivindica o PPdeG como “a máquina que funciona, que Galicia respecta e que gaña eleccións”

PorCrónicas da Comarca

Luns, 23 Febreiro 2026 , ,
Rueda presidiu o acto de conmemoración do segundo aniversario do triunfo das eleccións autonómicas do 18 de febreiro de 2024.Rueda presidiu o acto de conmemoración do segundo aniversario do triunfo das eleccións autonómicas do 18 de febreiro de 2024.

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, presidiu o acto de conmemoración do segundo aniversario do triunfo conseguido nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro de 2024. Alí reivindicou “o equipazo” que forman os populares galegos, “dende os que teñen as responsabilidades máis altas ata os da base”, converténdose “nunha máquina que funciona, que Galicia respecta e que gaña eleccións”.

Ao acto acudiron preto de 1.000 asistentes, entre os que se atopaban a secretaria xeral, presidentes provinciais, alcaldes e alcaldesas, portavoces, militantes e simpatizantes. A todos eles Rueda agradeceu ser “valentes, orgullosos de pertencer ao PP e estar pegados á rúa para escoitar á xente e dar a cara por eles”.

PUBLICIDADE

O presidente galego puxo en valor a “responsabilidade compartida” no PPdeG, como un partido “que sustenta gobernos”, fronte aos “personalismos esaxerados”. Unha responsabilidade que, dixo, implica que “cando á xente lle pedimos confianza e nola dá, elección tras elección, é algo moi grande”. Así, lembroulle aos populares que os galegos “nos seguen pedindo que traballemos, como traballan eles, fartos de crispacións e polémicas”.

“A xente quere seriedade, traballo, rigor, tranquilidade, políticos e boa política na que poida confiar”, subliñou, acuñándoo como o “Estilo Galicia”.

Para o número un dos populares galegos, unha das claves do éxito é a “estabilidade” do Goberno en Galicia, fronte “a mentira” da oposición, “que se converteu nunha ferramenta política para eles”.

EDUCACIÓN GRATUÍTA, ESFORZO EN SANIDADE E VIVENDA

Rueda repasou compromisos do Goberno galego que hoxe “son unha realidade”. Un deles é a educación gratuíta dende a escola infantil ata a universidade. “Dicíannos que a gratuidade da universidade só era un eslogan de campaña e a día de hoxe imos pola terceira matrícula sen custo para todo o que se esforza”, apuntou.

Uns mil asistentes acudiron ao acto “Galicia Rueda!” no Hotel Monumento San Francisco de Santiago.
Uns mil asistentes acudiron ao acto “Galicia Rueda!” no Hotel Monumento San Francisco de Santiago.

Tamén se referiu ao compromiso do seu Goberno coa vivenda, unha das principais preocupacións dos galegos. Así, lembrou o obxectivo de duplicar o parque de vivenda, pasando de 4.000 a 8.000 fogares nesta lexislatura, e coa meta posta de chegar ata as 10.000 vivendas públicas no ano 2030.

Igualmente, reivindicou o esforzo feito na redución de impostos ou o plan de choque coa dependencia, co que xa hai 12.000 persoas valoradas. Unha axilidade do Goberno galego que, segundo o presidentee, contrapón contra “a paralización do Goberno central, que impide cun recurso absurdo e sen explicación, que nós fagamos algo co que nos comprometemos”.

Asemade, quixo agradecer o traballo da sanidade pública galega e poñer en valor as iniciativas postas en marcha, como a renovación ou construción de hospitais e centros de saúde ou o impulso ao primeiro centro de protonterapia do sistema nacional público de saúde. “Reivindico estes reforzos na sanidade pública fronte a unha oposición de brazos cruzados coa folga, dicindo disparates da nosa sanidade”, criticou.

Ademais, referiuse á importancia e ao compromiso de atraer investimentos a Galicia, relevantes para a creación de emprego e para a implantación de industrias.

AGRAVIOS DE SÁNCHEZ A GALICIA

Rueda foi crítico co “agravio comparativo” que sofre Galicia por parte do Goberno central en cuestións como o pacto de financiamento, “que pretende facer con Cataluña e que as demais comunidades autónomas nos repartamos as sobras”, lembrou. Do mesmo xeito, criticou a interrupción de servizos ferroviarios en Galicia, así como a falta de mantemento nestas infraestruturas e nas estradas.

Tamén fixo referencia ao ataque ao busto de Manuel Fraga en Vilalba, tachando de “panda de sectarios” aos que o fixeron, poñendo en valor a quen “traballou por Galicia” e, cada vez que se presentou, gañou por ampla maioría.

“Temos unha oposición desnortada e enfurruñada por sistema, coa dignidade perdida hai moito tempo”, sinalou.

DEBERES DE CARA AO FUTURO

De cara a próximas eleccións, Rueda puxo “deberes” aos populares, animándoos a “ir a por todas, mantendo gobernos e conseguindo máis, sen renunciar a nada, con respecto, pero con convencemento”.

“Quero facer a mellor Galicia da historia e estamos no camiño, medrando con identidade propia, cada vez máis de moda e liderando moitas cousas que fóra ven de nós”, sinalou.

Reivindicou Galicia como unha terra “aberta a todos”, sempre que “queiran traballar, de xeito ordenado”, en contraste cos plans do Goberno de Sánchez e os seus “socios independentistas”.

Ademais, cualificou ao Partido Popular como “a única esperanza en España”, co liderado de Alberto Núñez Feijóo, fronte a “loucura actual do presidente Sánchez e os seus, superando todos os límites día a día”.

Rueda estivo acompañado de representantes do Partido Popular de cada provincia galega.
Rueda estivo acompañado de representantes do Partido Popular de cada provincia galega.

UNHA LEMBRANZA AO ‘GALICIA RUEDA!’ E A CAMPAÑA DO 18-F

O formato do acto baseouse en reproducir no mesmo escenario, o Hotel Monumento San Francisco de Santiago, e cos mesmos oradores, o acto no que o 7 de xaneiro de 2024 o PPdeG proclamou a candidatura de Rueda ás devanditas eleccións.

Deste xeito, interviñeron, un en representación de cada provincia, o presidente do PP de Santiago de Compostela e deputado autonómico, Borja Verea; a presidenta de Novas Xeracións e deputada máis nova do Parlamento, Nicole Grueira; a vicepresidenta do PP de Ourense e alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa; e o exalcalde da Estrada e actual responsable de Cultura, Lingua e Xuventude no Goberno galego, José López Campos.

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.