A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense participou o pasado venres, 19 de xuño, no foro celebrado en Ribadeo baixo o nome de España Verde: un destino de calidade, impulsado a través da colaboración entre Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, co apoio da Xunta de Galicia. A Mancomunidade estivo representada pola xerente do Plan de Sostibilidade Turística da Mariña Lucense, Tania Hermida.
O foro concíbese como un punto de encontro para analizar o papel dos territorios da España Verde (Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco) ante os retos climáticos, os novos modelos turísticos e os desafíos que estes implican para os territorios e as comunidades locais. Así, reuniu no Real Club Naútico de Ribadeo a representantes institucionais, profesionais do sector turístico e axentes estratéxicos vinculados ao turismo, á sostibilidade, á artesanía, á calidade alimentaria e ao Camiño de Santiago.
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense estivo representada pola súa axente de desenvolvemento turístico e xerente do Plan de Sostibilidade Turística, Tania Hermida, quen abordou na súa intervención o traballo que vén realizando a entidade para promover na Mariña un modelo turístico de calidade, que xere valor para as persoas que nos visitan, pero tamén para a comunidade local, acadando un equilibrio beneficioso e enriquecedor para todos os axentes do sector. Para Tania Hermida “a sostibilidade é o factor clave ao que deben aspirar os destinos á hora de desenvolver o seu modelo turístico e o único modelo que pode garantir o futuro do sector e a protección das comunidades locais”.
Tal como explicou Tania Hermida, desde a Mancomunidade está a impulsarse a transformación turística do territorio, a través do PST e doutras liñas de cofinanciamento como convenios anuais, poñendo como base o respecto e o valor da identidade, convertendo os valores locais nun dos maiores atractivos para as persoas que se achegan ata A Mariña.



