A Deputación de Lugo mellora con preto de 50.000 euros a estrada provincial que une os núcleos de Parga con Santalla, pasando por Pedrafita, no concello de Guitiriz. Trátase da LU-P-2303, que se está arranxando nun treito de algo máis de 3 quilómetros: dende o punto quilométrico 0 ata o 3,2.
Os traballos comezaron coa limpeza das cunetas, retirando toda a vexetación e terra que non se precisa e recuperar así a sección primitiva. Tamén se executaron as obras de drenaxe que garantan unha boa evacuación das augas. Agora, a empresa adxudicataria atópase desenvolvendo as tarefas de pavimentación no firme e rematarán coa sinalización horizontal mediante o pintado de marcas reflexivas brancas.
Estas actuacións mellorarán as comunicacións viarias destas parroquias guitiricenses nunha estrada que dá servizo a centos de veciños e veciñas. A Deputación de Lugo entende que manter en bo estado as estradas é necesario para garantir a igualdade de oportunidade entre toda a veciñanza da provincia de Lugo.