A Xunta de Galicia concedeu o ano pasado un total de 851.996,99 euros a través de axudas para compensar ao sector agrogandeiro e paliar os danos causados polo lobo no período comprendido entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.
Das 1.272 achegas concedidas, 25 foron por un importe de máis de 3.000 euros, que suman preto de 112.000 euros (112.700,27 euros en concreto). A maiores, concedéronse outras 1.247 achegas por importe inferior a 3.000 euros (que suman un total de 739.296,72 euros) polo que, en total, as concesións ascenderon a 851.996,99 euros.
Con carácter xeral, as contías das axudas varían en función das especies afectadas e da súa idade, oscilando, por exemplo, entre os 41,47 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto de seis anos ou máis e os 2.858,57 euros concedidos para compensar a perda dunha res bovina de raza autóctona de entre dous e seis anos.
Estes importes calcúlanse en base ao baremo establecido na propia orde de axudas, podendo incrementarse nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobado que se están a aplicar medidas preventivas de xeito favorable.
Os apoios tamén inclúen a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses feridas, os gastos de eutanasia acreditados (de ser necesaria) e os abortos sufridos como consecuencia do acto de depredación. Por último, prevese un importe adicional en concepto de lucro cesante para o gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite (femias) que oscilará entre os 10,01 euros (no caso dunha cabra femia adulta de entre 1 e 6 anos) e os 1.983,41 euros (para as vacas de entre dous e seis anos).
1,3 MILLÓNS PARA PREVIR OS DANOS DO LOBO
A maiores destas achegas, a Xunta puxo este ano a disposición do sector agrogandeiro case 1,3 millóns de euros a través doutras tres liñas de axudas para adoptar medidas coas que previr os danos do lobo: en concreto, para a adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada (325.000 euros); para a adquisición e instalación de valados fixos (400.000 euros), e para a contratación de persoas coidadoras de gando extensivo (567.750 euros).
Este tipo de medidas de prevención é fundamental para facer compatible a actividade gandeira —mediante a protección das reses— coa presenza e a conservación do lobo na Comunidade, de aí que a Xunta leve anos apoiando economicamente aos gandeiros no seu impulso e implantación.
En total, cómpre lembrar que só na última década (durante o período 2016-2025) o Goberno autonómico leva destinados preto de 13,8 millóns de euros a apoiar ao sector tanto para previr como para paliar os danos causados por esta especie.
SITUACIÓN DO LOBO EN GALICIA
En canto á situación das poboacións desta especie en Galicia, segundo o censo elaborado pola Xunta en 2022, están conformadas por 93 mandas e a súa presenza esténdese en máis do 90% do territorio, polo que o seu estado de conservación é favorable, tal e como reflicte a información remitida ao Ministerio.
Nos últimos dous anos (2024 e 2025) rexistrouse unha media de 2.019 avisos por ataques do lobo, o que supón un incremento do 72% en relación cos 1.174 do ano 2021, ano no que o Goberno central incluíu o lobo de forma arbitraria e unilateral Lesrpe. Na mesma liña, as reses afectadas por eses ataques pasaron de 2.050 en 2021 a unha media de 3.168 nos últimos dous anos, o que implica unha suba do 55%. Isto equivale a que cada día son atacados polo lobo unha media de nove animais.
UN INFORME QUE CONCLÚE QUE O ESTADO DE CONSERVACIÓN DO LOBO É FAVORABLE
A Xunta celebra que, tras un ano de atrancos e sucesivos aprazamentos por parte do Goberno central, o informe sobre o estado de conservación do lobo que conclúe que a situación da especie en España é favorable saíu adiante cos votos a favor de Galicia, Andalucía, Cantabria, A Rioxa, Rexión de Murcia, Comunidade Valenciana, Aragón, Canarias, Estremadura, Illas Baleares, Madrid, Castela e León e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla.
Foi o principal punto abordado no seo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, que deste xeito aprobou o informe sexenal sobre o lobo e tamén os correspondentes ás outras 37 especies analizadas, unha documentación que o Goberno central debía ter remitido xa á Comisión Europea antes do 31 de xullo do ano pasado.
A proposta que se remitirá a Europa confirma que o traballo feito polas comunidades foi correcto e confirma a tese defendida sempre pola Xunta de que o estado actual do lobo é favorable e non hai base científica para xustificar que teña un réxime de protección especial.
Os únicos votos en contra foron os do Goberno central e Cataluña (que non estivo representada na xuntanza pero delegou o voto no Ministerio), xustificando este posicionamento en supostos erros formais detectados no informe e nos datos remitidos polas comunidades pero sen chegar a cuestionar a conclusión de que o estado da especie é favorable.





