Deporte, música, teatro e artes visuais son só algunhas das moitas propostas que o Concello de Cabana ten preparadas para esta primavera. A veciñanza poderá gozar de ata 16 actividades pensadas para todos os públicos.
A exposición Do Mar e da Terra, organizada pola Deputación da Coruña, inaugurará a programación mañá e estará dispoñible no CPI As Revoltas ata o 10 de abril.
O sábado 5 de abril, o centro de maiores de Neaño acollerá o Concertazo, organizado pola ACD Cormoráns, no que actuará o grupo English Rocks, de Carballo. O evento comezará ás 18:00 horas. Tres días despois, o martes 8 de abril, o mesmo centro de maiores acollerá desde as 11:30 horas unha charla sobre o dano cerebral adquirido.
Tamén en abril, celebraránse dous bailes sociais con música en vivo: o primeiro, o día 6, contará coa actuación de Mar de Caion, mentres que o segundo, o día 27, correrá a cargo de Judith Cundíns. Ambos eventos terán lugar no centro de maiores de Neaño.
O mes de maio abrirase coa exposición A paisaxe atlántica, de Mónica Coto, que poderá visitarse no Dolmen de Dombate desde o 1 de maio. Ademais, os días 8 e 9 de maio, o artista naronés Leandro Lamas regresará á localidade para realizar un mural na praza do Pendón xunto co alumnado do CPI As Revoltas, nunha actividade enmarcada dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
O sábado 10 de maio, o polideportivo municipal acollerá a XXIV Xuntanza dos Maiores, dirixida a todas as persoas de 65 ou máis anos empadroadas no municipio. O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de abril.
O sábado 17 de maio, a Casa do Pendón será o escenario dun acto conmemorativo polo Día das Letras Galegas, no que actuarán as seguintes agrupacións: Coral de San Martín de Canduas, Coral de Cesullas, Son de Cabana, Cantareiras de Anos, a Escola Municipal de Teatro e Pablo Díaz con Icía. As persoas interesadas en asistir deberán anotarse chamando ao 981 754 020.
O 18 de maio, os bailes sociais regresarán ao centro de maiores de Neaño, ás 19:00 horas, coa actuación de Rocío Pérez. Mentres, o mércores 21 de maio, a biblioteca municipal acollerá a representación teatral A biblioteca galáctica contra a IA fantástica, de Carlos Labraña, a cargo de Tanxarina. A función será ás 12:00 horas.
O pavillón municipal será o epicentro da solidariedade o sábado 24 de maio coa Cea Benéfica organizada pola Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro.
Para pechar o mes de maio, o sábado 31, celebrarase o III Festigual, promovido pola Asociación Íntegro. O evento ofrecerá unha combinación de música, gastronomía, artesanía e animación infantil.