A mostra, realizada pola Asociación Amigos do Liño con pezas de Susana Peleteiro, poderase ver ata o 12 de xullo.
O Castelo de Vimianzo acolle desde o pasado 12 de xuño e ata o vindeiro 12 de xullo a ‘Exposición didáctica de traxes tradicionais galegos’, unha proposta presentada pola Asociación Amigos do Liño e creada con pezas de Susana Peleteiro.
A exposición propón, deste xeito, un percorrido pola historia do traxe tradicional galego a través dunha coidada selección de materiais que permiten coñecer a súa evolución e variantes. No espazo interior do Castelo pódense ver 42 bonecas vestidas con traxes tradicionais de distintas bisbarras e épocas. A reprodución de traxes foi investigada por diversos folcloristas.
Ademais, inclúe 26 paneis que explican a historia e evolución do traxe tradicional, así como outros 26 paneis que recollen un glosario das pezas.

A mostra complétase con outros tres paneis máis con mostras de tecidos, cunha colección de 40 fotografías antigas de persoas vestidas con estas roupas e unha selección de pezas orixinais – antigas e modernas – pertencentes a traxes tradicionais.
Sinalar que a exposición foi inaugurada o propia día 12 de xuño pola alcaldesa do municipio coruñés, Mónica Rodríguez, as concelleiras de Cultura e Turismo, Rosa Blanco e Beatriz Pazos, a presidenta da entidade, Carmen Riveiro, e a autora Susana Peleteiro, que conta cunha ampla traxectoria no folclore.
A concelleira de Cultura, Rosa Blanco, resaltou o “orgullo” por contar nun espazo “tan emblemático como o Castelo cunha exposición destas dimensións, coa que poñemos en valor un dos elementos máis representativos da cultura popular galega”.
