PUBLICIDADE
Vimianzo deu o pistoletazo de saída aos seus campamentos de verán divididos en catro quendas

A iniciativa é organizada polo Concello co apoio do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia e presenta unha ampla oferta de actividades.

Os campamentos de verán comezaron este luns 23 de xuño no Concello de Vimianzo cunha excelente acollida por parte das familias, cubrindo a totalidade das prazas ofertadas nas diferentes quendas programadas. Esta iniciativa, organizada polo municipio coruñés co apoio do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia, consolídase como unha proposta de vital importancia para o lecer educativo e a conciliación familiar durante os meses estivais.

Así, cunhas actividades divididas en quendas, o catálogo ofertado é amplo. Na primeira delas, que se desenvolve dende o propio 23 de xuño ao 4 de xullo, 80 nenos e nenas participarán no campamento centrado no Asalto ao Castelo. A través de diferentes obradoiros e actividades diversas poderán achegarse moi de preto á tradición e cultura local, rematando xusto na fin de semana do propio Asalto.

PUBLICIDADE

Mentres, a segunda quenda, do 7 ao 24 de xullo, contará con 130 persoas participantes no pavillón municipal, onde gozarán das propostas do VimiDeporte e o VimiAstronomía. As actividades, de carácter lúdico-deportivo, buscan promover entre a rapazada o coñecemento e respecto polo medio ambiente, a reciclaxe, así como a iniciación na astronomía.

Por último, a terceira e a cuarta quenda, con 110 persoas participantes en cada unha, terán lugar do 28 de xullo ao 14 de agosto e do 18 ao 29 de agosto respectivamente. Nestas datas celebraranse dúas novas edicións do VimiChef, no que os pequenos e pequenas poderán poñer o mandil para aprender algunhas técnicas culinarias básicas de maneira divertida. Estes períodos completaranse, ademais, con actividades do VimiDeporte.

Tamén se desenvolverá o VimiAventura no pavillón de Baíñas, ao ser esta a única parroquia na que se acadou o número mínimo de preinscricións.

Hai que sinalar que para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, o Concello de Vimianzo volve ofrecer o servizo de madrugadores, dispoñible de 8:00 a 10:00 horas, permitindo ás familias unha maior flexibilidade horaria.

Desde a casa consistorial agradeceron “a confianza depositada nesta iniciativa un ano máis polas familias” e salientaron “o enorme esforzo para ofrecerlles uns campamentos de calidade, educativos, divertidos e accesibles para todos e todas”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorCrónicas da Comarca

Redacción. Toda a información de actualidade da túa comarca.