A viaxe, destinada aos maiores de 60 anos, está prevista para o día 4 de xuño.
O Concello de Cabana de Bergantiños vai organizar unha viaxe dirixida ás persoas maiores de 60 anos. O itinerario deseñado levará aos participantes a coñecer a vila portuguesa de Valença do Minho, así como as localidades pontevedresas de Bueu e Marín.
A excursión terá lugar o mércores 4 de xuño de 2025, cunha saída prevista ás 7:45 horas dende a Casa da Cultura de Cabana. No mesmo día, visitarase os tres lugares. A primeira parada será na feira e na coñecida Fortaleza de Valença do Minho, onde tamén se desfrutará dunha comida típica nun restaurante portugués.
Pola tarde, faranse visitas ao Museo Massó de Bueu e á localidade de Marín. O regreso a Cabana está estimado para as 21:30 horas da noite.
O prezo da actividade é de 39 euros, que inclúe o transporte, o almorzo e a comida. As persoas interesadas deberán realizar a preinscrición dende este luns 12 ata o vindeiro venres 16 de maio. A mesma poderase facer de forma online a través da web municipal, redes sociais e servizos de mensaxería do Concello. Ademais, aquelas persoas que teñan calquera tipo de dificultade poderán facer a preinscrición de maneira presencial nas dependencias do Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas.



